Jásper, de Loita Amada: «Imos ó Aturuxo de Bravos con moitas ganas de facer festa, de facer bailar e cantar á xente»

Lucía Rey
Lucía Rey OUROL / LA VOZ

A MARIÑA

Jásper (segundo pola esquerda) lidera a banda Loita Amada, na que a música viveirense Xiana Naval Chaves (en primeiro plano) toca o trombón
Jásper (segundo pola esquerda) lidera a banda Loita Amada, na que a música viveirense Xiana Naval Chaves (en primeiro plano) toca o trombón CEDIDA

A banda na que toca a trombonista viveirense Xiana Naval compartirá escenario o sábado con Pakolas, Catuxa Salom, A Pedreira, Tecor Societario ou Zé Pequeno

18 jul 2024 . Actualizado a las 18:08 h.

O atrio da igrexa parroquial de Bravos, en Ourol, transformarase este venres e este sábado (19 e 20 de xullo) no escenario idóneo para un dos mellores festivais de música galega no rural, o Aturuxo, que chega a súa duodécima edición, organizado pola asociación Aturuxeiros de Bravos. Tras a cea popular e a gran foliada do venres con Lambe Lambe, Amigos do Folk, Espera que vou mexar e Os do 21, que rematará cunha queimada, o sábado haberá sesión «punkvermú» con Manu Kasoaparte e, pola tarde, xogos populares. A música volverá ás 19.45 horas con Pakolas, Catuxa Salom (21.00 horas), A Pedreira (22.35 horas), que presenta o seu novo traballo, Basal; Tecor Societario ou Zé Pequeno. Un dos pratos fortes chegará de madrugada, ás 00.10 horas, cando actuará a banda Loita Amada, un novidoso proxecto enraizado na canción protesta e que lidera Pablo Carracedo (A Estrada, 1979), máis coñecido como Jásper, quen formou parte de grupos como NAO, Xenreira o A Matraka Perversa. 

-Que amosará Loita Amada no Aturuxo?

-Estamos presentando o noso segundo disco, que se chama Rematou o simulacro, e que estamos a xirar desde febreiro. É un disco feito para a festa, para cantar e para bailar, e imos a Bravos con moitas ganas de facer festa, de facer á xente bailar e cantar, de pasar unha noite estupenda. Animo á xente a que veña ver o espectáculo se aínda non tivo a oportunidade de vernos porque se vai levar unha sorpresa. Hai quen pensa que Loita Amada é un dúo meu con Nébeda Piñeiro, pero somos unha banda de seis músicos que fai un son moi cañeiro en directo para bailar e cantar consignas. 

-Letras de temas como O seu puñal, sobre a posible instalación da macrocelulosa de Altri en Palas, ou Conquistadores do pan, sobre as desigualdades sociais, fan pensar ó público...

-A idea de Loita Amada é unha idea comprometida, de intentar crear unha semente de conciencia crítica na mente da xente, de falar de temas que non se falan, de poñer enriba da mesa cuestións que se esquecen ou ás que non se lles dá a importancia que cremos que hai que darlle. E neste caso, o tema de Altri é unha cuestión que nos preocupa moitísimo. Penso que é un problema que non vai afectar só a Ulloa, senón que vai afectar a toda Galicia, especialmente á cunca do río Ulla. E por iso fixemos unha canción con esas reinvindicacións por bandeira. 

-Que opina de que unha parroquia como Bravos, con poucos veciños, acolla un festival como o Aturuxo?

-Coñecín o Aturuxo cando estaba en NAO. Leváronnos tocar alí no 2018. E sorprendéranos que unha festa nunha aldea pequena concentrara un festival tan grande. E o que realmente nos gustou foi ver a implicación total da xente do lugar. Que había actividades para todas as idades, que todo era un ambiente súper familiar e que era un festival cunha calidade tremenda e cun equipo de son espectacular, etcétera. Nós neste caso xa sabemos o que nos imos encontrar alí e toda a xente da organización ten un mérito enorme. Fai un esforzo enorme e estamos encantados de compartir cartel con xente marabillosa e estupenda. A algunha xa a coñecemos e a outra non. A nosa idea é ir para alí todo o día para empaparnos dun festival que non é só música. Das actividades e da irmandade e do bo rollo que se xenera nun entorno fermoso.

-E unha veciña, a trombonista viveirense Xiana Naval, forma parte de Loita Amada...

-Xiana é unha auténtica pasada, unha rapaza espectacular en todos os sentidos. Estamos contentísimos con ela dentro do grupo e temos moitísimas ganas de ir á súa terra. Ela arrastra moitísima xente polo seu marabilloso carácter. Para nós Viveiro e A Mariña son un sitio de referencia para ir tocar por ela, e temos moitísima xente que nos sigue. Hai uns meses actuamos no Garaxe, en Viveiro, e fixemos sold out, e temos unha data tamén no Barqueiro. 

-Dá clase no CEIP San Clemente de Cesar, en Caldas de Reis, e algunha xente sorpréndese ó coñecer que vostede é mestre de profesión. Como compaxina a docencia coa música?

-Son mestre de Primaria desde hai vinte anos e compaxínoo moi ben. As familias dos meus nenos veñen a concertos, os meus nenos seguen a evolución da banda cos vídeoclips, os concertos. Loita Amada é un grupo familiar, para todos os públicos, e iso é marabilloso. 

SERVIZO GRATUÍTO DE BUSES ENTRE VIVEIRO E BRAVOS O SÁBADO

A organización dispón un servizo de buses de balde entre Viveiro e Bravos o sábado. Haberá saídas desde a estación de autobuses de Viveiro ás 12.00, ás 16.30 e ás 20.00 horas, con paradas na fonte de Xunqueira (ó lado da estación de Feve), na Ponte de Landrove (cruce rotonda), en Galdo (Feira). 
Desde o recinto do festival, partirán buses en dirección a Viveiro ás 17.30, ás 21.30 e ás 04.00 horas.