«A Vegadeo levarei pezas dunha vaixela de Sargadelos de Isabel II de España»

Y. GARCÍA A PONTENOVA / LA VOZ

A MARIÑA

Manuel Piñeiro é de A Pontenova, con ampla experiencia no sector
Manuel Piñeiro é de A Pontenova, con ampla experiencia no sector CEDIDA

Tamén ten previsto achegar un misal da voda do rei Amadeo I de Saboya á cita

19 jul 2024 . Actualizado a las 17:29 h.

Manuel Piñeiro (A Pontenova, 1970) logra sacar tempo para unha entrevista longa sobre o mundo que domina ben: o das antigüidades. Tamén neste o tempo é fundamental, porque lle dá un valor engadido a artigos segundo van pasando os anos. Ten un pé na vindeira Feria de Antigüedades que César Antigüedades e CC Eventos, empresas súas, celebrarán o último fin de semana de mes en Vegadeo. En febreiro fará 25 anos que comezou neste negocio, que lle dá a vida: «Pasei de axudarlle a meu pai na carpintería, fabricando mobles, algo no que fun traballando durante moitos anos». Ata que atopou outro filón. Vintage dicimos hoxe.

—Unha radiografía actual do mundo das antigüidades...

—Partimos de que quen adquire antigüidades non é un abanico tan grande. A xente adquire por motivos diferentes: uns queren decorar un espazo, outros comprar unha figura de Sargadelos, os coleccionistas e as persoas que compran xoias para lucilas e outros, artigos porque só queren invertir. Determina o tipo de público. Neste comercio pasa o que pasa no comercio en xeneral, pois está sufrindo un cambio. Non deixa de ser xente que vende e que compra, polo que a forma de facer chegar eses artigos antigamente era nunha tenda física, empezando entón cos embalaxes e coas feiras. Algo que estaba en auxe antes da pandemia, e con ela todos nos subimos a ese carro, penso, foi a venta online. Na nosa plataforma experimentouse un ascenso dende o ano 2020 ata hoxe, tranquilamente, dun 200% das ventas que tiñamos.

—Como é hoxe o mercado?

—Globalizouse moito todo. Hai 40, 50 ou 60 anos, en Galicia había anticuarios aos que viñan os estranxeiros (italianos, americanos, holandeses, belgas...) a buscar eses produtos. Iso cambiou. Hoxe somos nós os que imos a feiras internacionais como as de Francia (eu dende hai 20 anos) ou Portugal, e traballar coas casas de subastas. Temos que ir adaptádonos ás necesidades. Hoxe xa non recorre ningún americano Galicia nun camión e vai comprando. Ás feiras internacionais asisten anticuarios de todo o mundo. Hai que ir coas necesidades que marca o mercado hoxe en día. En España, o formato de feira de antigüidades segue a ser demandado pola xente, pola humanidade do negocio e por seguir tendo contacto coa persoa que vende e coa persona que compra, frente á venta por Internet. O mundo das antigüidades é diferente porque no noso caso non competimos contra grandes superficies.

—Algunha compra recente interesante que poida desvelar e que vaia estar presente na vindeira feira veigueña do 26 ao 28?

—Nunha casa de subastas vendeuse unha colección, onde comprei varias pezas. Vendín cinco aos meus clientes habituais, que en canto as viron xa non dubidaron, porque son únicas. Eu quedeime con outras, que vou levar á feira de Vegadeo. Desas, catro pezas pertenceron á vaixela que Sargadelos, sen entrar en detalles, regalou no ano 1846 á Raíña Isabel II de España. Esas pezas teñen unha carga histórica potente. A nosa idea é levar tamén, seguramente, unha sombrilla que foi da mesma raíña, e está acreditado que foi dela. Feita de ébano. Supoño que teremos tamén o misal que levou na voda o rei Amadeo I de Saboya. Este tipo de pezas coincide que as temos agora para a feira de Vegadeo. Son das que chaman a atención.

—Antes falamos de pezas pequenas, pero as grandes en antigüidades, como se venden? Por exemplo, os mobles?

—Segue a haber un mercado do moble antigo, o que pasa é que hoxe a xente é máis selectiva, busca unha calidade importante. Por exemplo, pensando tamén para as decoracións actuais, nas que se combina co moderno. Non é coma antes, que se amueblaba unha casa ou un espazo enteiro con mobles antigos. En Rececende onde vivimos temos dúas naves, contamos con outros dous espazos cheos de artigos e dous baixos na Pontenova... e o 70% do volume que ocupa eses espazos é moble que está sen vender. Esa venta decaeu. É máis difícil.

A décima Feria de Antigüedades y Coleccionismo, en Vegadeo, abrirá as portas o venres 26, de 17.00 a 21.00, máis sábado 27 e domingo 28, de mañá de 11.00 a 14.00 e de tarde de 17.00 a 21.00, no Recinto Ferial. Está prevista unha presencia duns 20 expositores de Galicia e resto de península, tamén algún de Francia.

—Que balance fai deste décimo aniversario de feira?

—Esta é unha feira pequena pero os expositores que veñen están relativamente satisfeitos porque ainda que o visitante paga 3 euros de entrada, a maioría mostra interés e é un tipo de público entendido, que sabe que Sargadelos é Sargadelos, a prata é prata etc... Quero dicir que o público ten coñecemento da materia.