A pesca foi a gran responsable da transformación social da Mariña

MARTÍN FERNÁNDEZ MEMORIA DA MARIÑA

A MARIÑA

MARÍA CUADRADO

O libro «Barcos e xentes do mar de A Mariña», do Capitán Pino, presentado en Burela relata a historia do sector pesqueiro na comarca

04 ago 2024 . Actualizado a las 12:48 h.

Os meniños de postguerra cantaban unha copla: «O meniño mariñeiro/ tén un barquiño na mán./ Soña con botálo ao mare/ e ser o seu capitán». José Pino González, O Capitán Pino, conseguiuno. E logrou convertirse _el, e o seu libro Barcos e xentes do mar de A Mariña que estes días se presenta en distintas localidades_ nunha inexcusable referencia non só da historia da pesca da Mariña e de Galicia, senón da propia historia da Mariña. Dunha pesca que foi a principal responsable da gran transformación social da comarca.

Porque o certo é que, salvo traballos puntuais de López-Veiga, Isidro Dubert e algún outro, nin profesores, estudiosos, cronistas ou técnicos escribiron a historia da pesca en Galicia que, como é sabido, é algo fundamental na nosa terra. O Capitán Pino si o fixo. E dun xeito documentado, científico e real que, por enriba, conta co valor engadido da tradición oral e familiar e da experiencia propia. Marcou un camiño que outros, sen dúbida, aproveitarán...

«Mirando cara adiante»

Do seu libro pode dicirse que parte do principio do danés Kierkegaard, considerado o pai do existencialismo: a vida só pode ser entendida mirando cara atrais, pero só pode ser vivida mirando cara adiante. E nel, Pino fai unha homenaxe ás xentes do mar de posguerra que, sen nada, souberon sair adiante. Escribe a memoria dos barcos e dos mariñeiros e armadores que perviven en nós. E dá conta de quenes fumos, cómo fumos, que fixemos e descoñecemos porque non nos foi contado. Sabido é que o que non se conta, non existe.

Na Mariña somos mar, somos salitre. A Mariña quedou lonxe dos circuitos da comunidade, arrinconada, postergada, extrarradio do país. Foi o lugar onde habitou o Olvido (Cernuda) no que fumos quedando sós, o mar, o barco e maís nós (Manuel Antonio). Non nos quedou máis remedio que sair adiante coas nosas propias forzas, coas propias mans. Sen máis compaña que un mar que trepou polas escarpadas penas e farallóns, penetrou terra adentro polas veas dos antergos e instalouse para sempre na nosa alma como marca indeleble e carnet de identidade a sal e salsa mariña forxado.

Escribiron a historia da pesca

O Capitán Pino relata esa epopeia, esa loita pola vida, os barcos, armadores e mariñeiros que contribuiron ao decisivo cambio social da Mariña, que escribiron a historia da nosa pesca e, ao tempo, da propia comarca.

En Burela, os Pasarín, Lestao, Carrochos, Basantas, Caxotos, os de Amadora e Roxo, os Cuiñas, Puchinos, Barateros, os Roca, Ruiz González, Domínguez González, Lauras, Canavalos... En Viveiro-Celeiro, os Pino, Manzanos, Pepe Bares, José Domingo, Pastillas, da Nacha, Minchos, Currana, O Regalo... En Foz, os Quintanero, Tragamares, Saturno, o Normando, Ton Chao, os Relámpagos, Suso da Ramallada, Papillo... En Ribadeo, os Decanos, Jenaro, Iriarte, Navarret... En San Cibrao, os Bahamonde, Rivas, Pillados ou Torres...

MARÍA CUADRADO

Burela e Celeiro, a primeira lonxa de Galicia por facturación

Esas sagas mariñeiras _e outras das que o Capitán Pino dará cumprida conta noutra publicación sen dúbida_ chegaron por primeira vez aos caladoiros do Golfo de Vizcaia cós Quintanero, Manzanos-Pino e Pasarís e tiveron só no porto de Burela a maior frota boniteira do Cantábrico, máis de cen barcos, só superada pola de Bermeo. Antes, mariñeiros e emprendedores mariñáns cazaron baleas, fixeron conserveiras, construíron portos e barcos, constituíron as cofradías máis antiguas de Galicia e artellaron unha frota pesqueira que, a escala, é a primeira de Europa e pesca dende as Malvinas ao Báltico, desde o Canal de San Xorge ao Mar de Arborán…

O resultado de todo iso foi que _grazas sobre todo a eles_ Burela pasou de ser un pequeno burgo en torno a un porto-refuxio a ser unha vila rica, dinámica e puxante. Foz, que tivo unha notable frota de cerqueiros e famosos talleres e estaleiros, a unha vila residencial e turística. E Celeiro-Viveiro, que acolleu a máis de 20 conserveiras, abandeirou o gran cambio nos anos 70 co Pincho e o Gran Sol, algo determinante para as lonxas comarcais.

Hoxe a pesca da Mariña é singular en Galicia. E precisamente froito desa singularidade e riqueza conta _por primeira vez na historia_ cun conselleiro do Mar, o ex-alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e o seu equipo técnico mariñán. E o Porto de Burela-Celeiro _o Porto da Mariña, que así debera chamarse_ factura o 76% das ventas totais de merluza en Galicia: 22.000 toneladas, 102,5 millóns €. E é a primeira Lonxa de Galicia por facturación (104 millóns): en 2023, Burela vendeu 13.000 toneladas de peixe por 57 millóns € e Celeiro 12.700 por 47 millóns.

Pero ese ainda grande esplendor sufre graves ameazas: a falta de relevo xeracional, a destrución da frota, a venda de barcos ou barcos despezados con axudas da UE, a escasez de cotas, as vedas para as artes de fondo, a redución de arrastreiros, o baixo consumo de peixe, a desproporcionada influenza das organizacións ambientalistas na política pesqueira da UE, a ocupación do mar para actividades alleas como a Eólica mariña ou a Minería submarina...

Lugo, única provincia que non tén Autoridade Portuaria, e unha autovía con 20 anos de retraso

Ante esas ameazas, o sector e A Mariña tén que pelexar, defenderse. Non somos máis que naide pero tampouco menos que ninguén. E hai que esixir ao Goberno de España e da UE igualdade de trato con outras zonas do Estado, e ao da Xunta inversións semellantes ás do entorno da AP-9 ou Rías Baixas.

Precísanse infraestruturas para dar saída á nosa produción e recursos: a Autovía da Mariña, que leva 20 anos de retraso, na que o Goberno de España non fixo nin un só quilómetro nese tempo no seu tramo Barreiros-San Cibrao; e na que a Xunta construíu treitos illados e ineficaces na súa parte, San Cibrao-Ferrol. Necesítase abrir ao tráfico comercial o Porto de San Cibrao porque iso multiplicará o negocio forestal (unha hectárea na Mariña é tres veces máis produtiva que unha en Finlandia, país referente no sector). Demándase unha Autoridade Portuaria propia _Lugo é a única provincia marítima de España que non a tén_ pois iso suporá investir na Mariña tasas e beneficios que hoxe xestiona Ferrol.

Fai falla, en fin, ter voz propia en instancias políticas e administrativas autonómicas _que agora hai_, nacionais e comunitarias para que as decisións sobre a Pesca non estean sometidas só a criterios medioambientais e garanticen o equilibrio do sector. A xestión pesqueira debe vir da colaboración dos mariñeiros e dos científicos. E debe poñer tamén en valor o enorme _descomunal_ esforzo que supón traer alimento fresco, saudable e sostible á poboación.

O libro do Capitán Pino tamén tén ese valor: anima ao relevo xeneracional e mostra un camiño de futuro. Volver atrás é imposible. Pero só no pasado podemos contrastar o presente e atopar rutas de futuro. Como sempre sucedeu…