A Banda de Música O Landro de Viveiro en cifras

Santiago Fernández-Noriega Fernández (músico da Banda O Landro e ex directivo)

A MARIÑA

<span lang= gl >Serafín Zubiri, que actuou coa Banda de Música O Landro nas patronais do 2022, recoñeceu publicamente «o gran traballo e a calidade» tanto da formación como de Carlos Timiraos como director</span>
Serafín Zubiri, que actuou coa Banda de Música O Landro nas patronais do 2022, recoñeceu publicamente «o gran traballo e a calidade» tanto da formación como de Carlos Timiraos como director JOSÉ MIGUEL SOTO LÓPEZ

19 ago 2024 . Actualizado a las 18:13 h.

Ben coñecida é por todos a problemática na que se veu inmersa nestes dous últimos anos a Asociación Banda de Música O Landro de Viveiro ao non percibir a asignación estipulada polo Convenio asinado co Concello. De resultas desa situación, produciuse a saída por agotamento económico tanto do seu director Carlos Timiraos, como do seu adxunto Rodrigo Rodríguez, ambolos dous recoñecidos profesionais na sua materia, a música.

A Asociación recibiu escritos de ánimo e de estupor ante o sucedido dos máis destacados profesionais do panorama musical clásico nacional que nalgún momento colaboraron ou formaron parte da nosa Banda: Isabel Rubio (unha das máis sobresaíntes directoras orquestais e bandísticas españolas do momento e directora accidental da nosa Banda), Abraham Cupeiro (interpretou Pangea con nós no Teatro Pastor Díaz), Serafín Zubiri (inesquecible o concerto na Praza Maior), Ana Lains (destacadísima fadista), Nicolás Naval (trompa principal da Orquestra Sinfónica de Galicia e ex membro da Banda), Javier Fajardo (director do Coro da Orquestra Sinfónica de Galicia e único viveirense que dirixeu as tres grandes orquestras de Galicia: a Sinfónica, a Filarmonía e a 430, e por suposto, membro da Banda), e un longuísimo etcétera do millorciño da música do noso país.

Ante toda esta situación, á Banda non lle quedou outra que parar a actividade, principalmente pola enorme débeda que estaba adquirindo ao non pagar as suas facturas ao director, ao adxunto ao director, arranxistas, empresas varias, …, e das que, i esta non é unha cuestión menor, o responsable a efectos xurídicos do impago das mesmas non resulta ser o Concello, senón o presidente da Asociación.

A principal resposta por parte dos responsables municipais, ademáis de “non hai presuposto, non se pode facer nada”, foi “a Banda é a Asociación á que mais diñeiro se lle da”, cuestión esta última repetida como un mantra unha, e outra, e outra, e outra vez, ata a saciedade. De entrada, o verbo “dar” resulta tremendamente inapropiado, xa que realmente á Asociación Banda de Música o Landro de Viveiro non se lle “da” nada de nada, págaselle, ou deberíaselle pagar o importe establecido no xa mencionado Convenio por unha prestazón de servizos totalmente documentada que, por suposto, foi prestada en tempo e forma tanto na anualidade 2023 como na 2024, e nembargantes, non abonada polo Concello.

Pero se os responsables municipais queren reducir a presenza da Banda de Viveiro no texido do noso pobo a unha mera cuestión de “dar” ou “recibir” pensei que sería interesante que fixéramos números, e que cuantificáramos o traballo realizado pola nosa Asociación, que con todo o amor e xenerosidade do mundo os membros da mesma aportan de xeito totalmente desinteresado e sen percibir un peso por elo, ao ámbito cultural viveirés:

  • A Banda ensaia 50 semanas ao ano, 2 veces por semana, 2 horas cada ensaio. Eso fai 200 horas de ensaios. Se o multiplicamos polos 40 músicos que de media conforman a mesma, nos da un montante de 8.000 horas de traballo en ensaios por parte de tódolos membros da Asociación.
  • Revisando taboas de remuneracións por hora, e índonos somente as de traballos no sector servizos (como en hostelería), atopo en distintas fontes importes que oscilan entre os 18 e os 26 euros/hora. Quedémonos pola parte baixa e poñamos 20€/hora, por redondear. Iso fai 8.000 horas x 20 €/h = 160.000 € en ensaios.
  • No que atinxe as actuacións establecidas polo Convenio co Concello, que son 12, poñamos polo baixo que levan 4 horas cada unha (transporte, montaxe e desmontaxe, probas de son, esperas nas procesións, afinación, actuación, …). Isto resulta en 12 actuacións x 4 horas x 40 músicos x 20 €/hora músicos = 38.400 € en actuacións.
  • Supoño que os nosos conveciños saberán que os instrumento cos que os músicos da Asociación interpretan o repertorio son propiedad particular deles, non llos aporta nin a Banda nin, por suposto, o Concello. Excepto os de percusión, cada intérprete leva o seu clarinete, frauta, saxofón, trompeta, tuba, fagote, trombón, etcétera, mercado do seu propio peto. Si exceptuamos os 5 percusionistas (esos instrumentos sí son propiedade da Asociación), temos que 35 músicos aportan o seu instrumental. Poñamos, tirando moi polo baixo, unha media de 2.500 euros de custo por istrumento. 2.500 € x 35 músicos = 87.500 € aportados en instrumental.

 

 

Imos a obviar, por simplificar a cuestión, o mantemento dos instrumentos (débeselles facer unha revisión anual que non adoita baixar de 150 euros), a adquisición de material complementario (canas, aceites, boquillas, abrazaderas, atrilillos, …), o desprazamento dos músicos ou seus país a ensaios e actuacións, etcétera.

Resumindo: 198.400 € anuais en horas de ensaios e actuacións + 87.500 € en aporte de instrumentos dos membros da Asociación. E poñamos tamén na nosa balanza o aporte cultural e formativo realizado ao longo de 108 anos de existencia, e outra cousa non menor, o peso da Tradición (con maiúscula), tantas veces menospreciada por conveniencia.

Todos istes números, en cifras menores ou maiores (non me poido nin imaxinar o guarismo que resultaría do cálculo feito, por exemplo, pola Xunta de Confrarías da Semana Santa) poderían ser aportadas por calquera das entidades do Terceiro Sector que, de xeito desinteresado e sin ánimo de lucro, aportan o seu grao de area a engrandecer o nome da Moi Noble e Leal.

Evidentemente, a parte da balanza do importe comprometido polo Concello (25.000 euros de Convenio para este ano + gratuidade de matrícula no Conservatorio para 7 membros da Asociación) resulta ridícula aos ollos de calquera cun mínimo criterio.

Agardo que no futuro, cando un político de calquera cor ao que lle toque dirixir os designios da nosa Vila (é importante lembrar que os interinos son os políticos, non as institución centenarias do noso pobo), non usen tan á lixeira o asunto económico para tentar menospreciar a enorme laboura que a Banda de Música O Landro de Viveiro aporta á nosa sociedade, porque, nin siquera niso lles asiste a razón.

 

 

 

Santiago Fernández-Noriega Fernández.