Estíbaliz Veiga luce o vestido de Boüret que se fixo famoso pola Raíña Letizia no seu novo programa dedicado a «mullerazas»

Yolanda García Ramos
yolanda garcía BARREIROS / LA VOZ

A MARIÑA

CEDIDA

«Din que non falan» é o espazo que conduce a mariñá, natural de Celeiro de Mariñaos en Barreiros, e que a TVG emite os domingos

07 oct 2024 . Actualizado a las 21:23 h.

Din que non falan, programa da TVG «sobre mulleres galegas que romperon o teito de cristal. Mulleres bravas». Cada domingo. A actriz e presentadora mariñá Estíbaliz Veiga, de Celeiro de Mariñaos (Barreiros), recoñece o luxo de formar parte dun espazo en pantalla desta temática e dar voz «aos logros silenciados». Certo é que sobresaen mulleres de éxito pero á vez é unha homenaxe tamén ás máis anónimas. Con importante feedback en redes sociais (@dinquenonfalan en Instagram), non só delas senón tamén deles que felicitan este formato, cita «mullerazas» protagonistas, como a excapitana do Burela Pescados Rubén FSF Peque, a responsable de Nano-Oncología que tamén traballou polos dereitos das embarazadas no mundo da investigación María de la Fuente, a escritora Ledicia Costas (por certo, nun programa moi especial ao ser unha das últimas entrevistas que concedeu xunto con El Hematocrítico, que falecería despois), as músicas Fillas de Cassandra das que conta anécdotas súa nai, a deseñadora de moda e artífice de Boüret Vanessa Datorre que vestira á Raíña Letizia, a xornalista e presentadora Patricia Pardo que deu a Veiga primicias no persoal (é parella de Christian Gálvez) e no profesional nunha entrevista «moi emocional», a divulgadora científica Déborah G. Bello, a coñecida cociñeira colaboradora con La Voz de Galicia Fabrisa, a directora de cine e activista polos dereitos femininos na esfera cinematográfica Paula Cons, Miriam de Operación Triunfo (OT) reivindicando igualdade en cuestións de imaxe pública, a exdirectora de fútbol feminino na Federación Española de Fútbol María Tato, a primeira muller que transplantou un corazón sendo líder do equipo e fixo á Coruña un referente médico Marisa Crespo. «É un programa centrado en potenciar a mulleres que están tratando de romper os teitos de cristal en diferentes eidos», suliña.

—A raíz de todo é que estamos nunha sociedade na que a muller «ten que» amosar o dobre ou o triple do equivalente masculino.

—Exactamente. E, inda por riba, estar suxeita a uns cánones de beleza, de sorriso permanente, ser agradable ou non ter un ‘excesivo carácter’ ao que fai referencia aquilo de ‘caladiña, estás máis guapa’. Pois non, caladiña non estou máis guapa...

—Fixo programas televisivos anteriores, como o de «Un país en 360» sobre turismo ou «Facendo as américas» da emigración.

—Afortunadamente, levo un tempo facendo formatos de televisión tanto culturais como de patrimonio emocional e histórico para Galicia. Neste caso, teño que ser honesta e agradecerlle moito á Televisión de Galicia que nos dea este espazo, porque é unha canle pública que dá a posibilidade de falar dende o punto de vista feminino, un avance importante. Resumo moi ben co poema de Rosalía que dá título ao programa o que sinto porque están elas, protagonistas dos 13 programas, demostrando as súas batallas. Eu teño a miña propia... pero neste caso son coma unha médium.