![María José Mon](https://img.lavdg.com/sc/r2l6AtUm6Got8BBuLxopkT14imc=/480x/2024/10/11/00121728667741446248897/Foto/X_20241011_192627000.jpg)
A burelense María José Mon recibirá o luns os restos de Manuel Mon Miranda, asasinado polo franquismo no 1936, e poderá darlle sepultura
12 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.O próximo luns, 14 de outubro, será un día cheo de emocións para a burelense María José Mon, que recibirá (ás 11.00 horas, no consistorio de Ribadeo) de mans da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) os restos do seu avó Manuel Antonio Mon Miranda, asasinado polo franquismo na vila ribadense o 23 de xullo do 1936. Ese mesmo luns, a familia daralle sepultura ao seu ser querido nunha cerimonia privada de carácter civil, no cemiterio de Burela. Para poder facelo tiveron que pasar 88 anos.
Tal foi a demora que María José vive estes días «cunha mestura de emocións contraditorias. Por unha parte sinto ledicia e satisfacción por poder facelo, e tamén tranquilidade, porque por fin está con nós, e por outra teño moita pena porque os fillos de Manuel non puideron vivir isto», explica.
Hai algúns anos, a ARMH ofreceu en prensa o seu correo electrónico para que poidesen contactar con eles familias de represaliados na Mariña. Conta Mon que todo comezou así «de casualidade», pero cando o equipo de investigación da asociación lle dixo que concretaran o lugar —nunha foxa común do cemiterio ribadense— onde estaba o avó, María José sentiu «unha emoción moi forte». Trala escavación, na que apareceu a insignia do corpo de carabineiros ao que pertencía o asasinado, en agosto confirmouse que os restos recuperados son de Manuel. A súa neta agradece «toda a súa labor e a humanidade con que a ARMH fixo todo o proceso, incluida a exhumación». Agora poderá dar sepultura ao seu familiar, como facemos todos cando morren os nosos.
«Cando che argumentan que nunha guerra todos cometen barbaridades é certo, pero o que aconteceu non pode invisibilizarse. Fálase de milleiros de mortos en cunetas, pero cada un deles ten unha familia. Cando vemos imaxes de conflitos e foxas comúns, con razón botamos ás mans á cabeza, pero isto pasou aquí non hai tanto tempo. Pretender que non se poida enterrar aos represaliados é barbarie, non é propio dun país civilizado, porque todos deberamos ter ese dereito. E os familiares podemos telo se non se segue falando disto», razoa.
![Manuel Mon Miranda](https://img.lavdg.com/sc/ZssuQR8KTle__o8rDjXF8Z-PGBs=/480x/2024/10/11/00121728667441984869338/Foto/X_20241011_190305000.jpg)
Mon Miranda, nacido en Luanco, tiña 44 anos cando as tropas franquistas o sorprenderon na Rúa Tras da Cerca —hoxe Ibáñez— e o tirotearon. A súa muller non puido levantar cabeza e faleceu tres anos despois. O pai de María José, Antonio, quedou orfo cando era un pícaro de seis anos. Tamén quedaron na orfandade os seus irmáns, hoxe falecidos: José, Nicasio e Manuela. Foi criado por unha tía, e aos nove foi para o Colegio de Huérfanos de la Guardia Civil. Estivo ata adolescente, cando marchou «daquel ambiente que non lle gustaba. Imaxina ir para Madrid sendo neno nos anos 40. Forxoulle o carácter», indica súa filla.
Coa orfandade dos fillos rachouse a transmisión da información familiar sobre Mon Miranda de xeración en xeración. María José garda como un tesouro as poucas anécdotas de vida que conserva do avó, unha persoa de mente aberta. «El tiña unha afillada, e empeñouse a, en plenos anos 20 do século pasado, ensinarlle a ler. Debía ser unha persoa moi implicada, estrita cos seus fillos no ámbito da educación e tamén moi recta no seu comportamento», explica a neta.
![Justo Fernández Suárez](https://img.lavdg.com/sc/64-UML1pybLQGdbGX3ChSJefOlM=/480x/2024/10/11/00121728667441675238653/Foto/X_20241011_190328000.jpg)
A ARMH entregará o luns tamén os restos de Justo Fernández Suárez, «Galochía», natural de Vilaronte e veciño de Vegadeo. Foi tamén asasinado o 23 de xullo do 1936.