Carolina García Chico, pedagoga: «É importante non usar as pantallas como 'niñeras' para entreter ós nenos»
A MARIÑA
O programa Educando en familia ofreceu unha charla en Burela sobre a xestión e o uso responsable en familia de móbiles, tabletas, 'smart TV' ou consolas
25 nov 2024 . Actualizado a las 12:13 h.Co suxerente título de «Unha pantalla para o Nadal?», o programa educativo Educando en familia, que asesora a familias da Mariña e da Terra Chá con nenos de cero a seis anos, ofreceu este martes en Burela unha interesante charla sobre a xestión do uso das pantallas por parte das familias. «As pantallas están aí e van estar aí toda a vida, polo que ás veces non se trata só de poñer normas ou prohibir o seu uso, senón que é importante ir xestionando cos nenos o que implica o uso responsable e ordenado», explicou a pedagoga mariñá e asesora do proxecto Carolina García Chico. «Dun tempo a esta parte, parécenos que esta temática ten bastante calado social e é importante. As familias expresan preocupación sobre como se xestiona no día a día o uso das pantallas dentro da casa, e como estas inflúen nos nenos e nas nenas, pero tamén nas relacións familiares», comenta.
-En que aspectos incidiron na charla?
-Falamos sobre como se debería xestionar axeitada e ordenadamente a pantalla na casa, e como se debería facer unha análise do uso que fai cada familia, como a usa cada individuo a nivel persoal e como iso inflúe no día a día das relacións. E aí falamos dos móbiles, as televisións que son smart TV, as tabletas, as consolas... Englobamos todas as pantallas. Os adultos tamén deben facer unha análise sobre como usan as pantallas a título individual, ademais de pensar como queren que sexa o uso na casa. Hai que ver como podemos de maneira individual regulalo cada un, e logo establecer comunicación cos nenos con referencia a isto.
-Como se debe falar cos nenos e cos adolescentes sobre as pantallas?
-É bo, por exemplo, tratar de que os adolescentes sexan conscientes do tempo que pasan en redes sociais como Facebook ou Instagram. Cantas horas están, que uso fan delas, a que persoas seguen, cales son os seus 'influencers'... Cando os nenos son pequenos, pode ser un pouco máis doado porque as mamás e os papás poden xestionalo máis ou menos eles. Pero é importante non usar as pantallas como 'niñeras' para entreter os nenos. E iso é algo que preocupa especialmente porque observo que cando os nenos están diante das pantallas, sobre todo da tele, á que ás veces non se lle dá importancia, moitas veces acceden a Youtube. E aí hai contidos que, aínda que as familias teñan fixadas restriccións por idade, se os observas en profundidade ves que non son axeitados.
-Moitos contidos de Youtube semellan «atontar» ós nenos, pero tamén os grandes...
-Así é. Pode que o contido sexa apropiado para a súa idade, pero hai que pensar no que lle achega. E non quero dicir que os nenos teñan só que ver documentais, pero si que hai que reflexionar: «Que lle está achegando este yutubero? Estalle achegando aspectos bos ou positivos?». Recordo que o meu fillo me dixo un día que estivera vendo un vídeo cunha amiga dun yutubero que se metía nun ascensor 24 horas. E hai que falar con eles diso. Preguntarlles que opinan. Porque cando son moi pequenos ven ese tipo de cousas e a percepción da realidade que teñen aínda está distorsionada porque entra moito en xogo o pensamento fantástico. Hai aspectos que eles observan sen seren capaces de discriminar que iso ó mellor non é viable ou que esa persoa estivo preparando iso durante un montón de horas para logo finalmente publicalo e que ocupase un minuto. Cando son moi pequenos, ás veces sáltanlles imaxes de medo, ou que son moi chamativas, e parécelles que iso é real. E aparecen medos infantís porque, aínda que sexan cousas feitas por ordenador, a súa percepción da realidade non é como a dun adulto.
-É o Nadal un bo momento para agasallar pantallas?
-É posible que nesas datas moitos nenos e familias se decanten por este tipo de agasallos. Pero: "É un bo momento? É o apropiado?". E, ó mellor, moitas familias non están de acordo, pero de repente encóntranse co regalo dun avó ou dun familiar. E é bo falar tamén de como se pode xestionar, porque ás veces non se pode evitar. Hai xente que é respectuosa e acepta a valoración desa mamá ou dese papá, pero hai outra que di: 'Mira, a min dáme igual, o neno pídeme unha tableta e voulla regalar'. E unha vez que xa o tes, hai que ver como xestionar. Os nenos consideran o móbil como un regalo, e se non existe unha supervisión moi exhaustiva por parte dun adulto é perigoso porque os nenos acceden a un mundo de posibilidades. Moitas veces positivas e outras non. Reflexionar sobre esa cuestión, sobre o que implican as pantallas e se deben ser agasallos ou non. E se van ser agasallos, que condicións se poden poñer tamén.
-Non só os nenos. Tamén moitos adultos consumen sen control pantallas, que amosan contidos aditivos que os levan dun enlace a outro, e a xente pasa cada vez máis tempo nese mundo virtual, sen contacto coa realidade...
-As pantallas están modificando as dinámicas nas casas, e o feito de que cada persoa teña a súa pantalla fai queconsuma o seu contido individualmente. E iso é perigoso porque, primeiramente, xa está deixando de facer cousas en conxunto co resto. E segundo, se ti individualmente consomes o que queres, non te tes que sentar con outra persoa para chegar a un consenso, nin ti sabes o que está vendo a outra persoa, nin ela sabe o que estás vendo ti. As familias deben intentar xestionar que, sobre todo cos nenos, haxa momentos compartidos de contidos. É bo sentarse a ver unha película todos xuntos, poder dialogar sobre ela... E en espazos como a mesa ou as habitacións deberían estar prohibidas.
-Canto tempo poden pasar os rapaces coas pantallas?
-Moita xente non ten noción do tempo que pasa. Ás veces fago a proba cos rapaces, mirando nos axustes do móbil. A maioría deles están entre 4 e 6 horas diarias. Porque nas fins de semana e nas vacacións veno unha burradísima de tempo. Pasan moitísimo tempo vendo Netflix no teléfono ou vendo vídeos de maneira compulsiva en Tik Tok e Instagram. E cando ven que estiveron seis horas, sorpréndense. Os adultos teñen que ser conscientes de que son modelos de observación para os nenos e nenas. Se ti ves que a un adulto lle sona un wasap e rapidamente contesta, ou se está na consulta do médico e, en vez de falar co seu fillo, saca o teléfono, estálle transmitindo o modelo de inmediatez desta sociedade. Algo que tamén nos fai presas ós adultos. De que temos que estar constantemente dispoñibles ou sinxelamente encher baleiros de tempos mentres estamos, por exemplo, esperando o autobús. Como que non podemos aburrirnos, e ós nenos transmitímoslles de maneira implícita que hai que estar facendo cousas constantemente. E ás veces o adulto dálle ó neno o teléfono para que non se aburra en espacios de ocio no que este quere estar conversando tranquilo, como bares, restaurantes... O illamento que producen as pantallas é tremendo. Penso que tarde ou cedo isto irá calando na sociedade e faranse estudos, pero de momento
-Contraditoriamente, as tecnoloxías da comunicación favorecen en moitos casos a incomunicación, o illamento...
-Agora que vai chegar o Nadal, por exemplo, canto máis tempo pasan os nenos na casa, máis tempo pasan nas pantallas. E pode ser un bo momento para xestionalo. A Asociación Española de Pediatría (Aepd) recomenda que as pantallas non estean presentes na vida dos nenos de cero a dous, e ata os catro moi limitadamente. Logo pódense ir introducindo paulatinamente, e en canto ó tempo un neno de seis anos como moito 40 minutos, e logo pouco a pouco van aumentando os tempos de atención. Con 7 anos ó mellor xa poden ver unha película. Pero eu diría que máis dunha hora ó día non. E logo habería que regulalo, na comida non, pero despois de comer algo.
Ós nenos pásalles como os adultos: cando ven un contido que lles gusta logo non queren ver outro contido. E cando te volves tan selectivo, amóldaste pouco. E se iso é o que che gusta non vas ceder para ver outra cousa. Cando os nenos se sentan sempre para ver o que queren ver, logo non se van sentar contigo ver Pasapalabra. É unha cuestión tamén de adaptación, porque logo na vida non van poder facer sempre o que eles queiran. Vanse ter que adaptar ós plans doutras persoas, a facer cousas que non che gusten tanto... E ó final, a capacidade de adaptación tamén empeza por cousas coma esta.
-Hai algunha idade para mercarlle un teléfono ós nenos?
-A idade dos nenos foi baixando ata o punto de que con 8 ou 9 anos moitos teñen teléfono móbil, e con 12 ou 13 téñeno a maioría, case o 90%. Parece que socialmente se marcou esa idade. A cuestión está en como son as características da nena ou do neno e as súas necesidades reais. Para os pais, que os nenos teñan teléfono, dálles certa tranquilidade cando saen porque están localizados. Pero é bo dicirlles: 'Vouche prestar este teléfono para que o uses nesta circunstancia para facer isto'. E tamén hai teléfonos que non teñen internet. Con todo, hai que dicir que tamén é como poñer portas ó campo porque, se un neno non ten teléfono, vai utilizar o dun amigo, e vai consumir os contidos... E por iso é importante traballar a comunicación. Se queres saber o que lles gusta e o que ven os teus fillos, tes que facer o esforzo de velos con eles, de sentarte con eles porque senón é poñer barreiras e eles vano seguir vendo. Iso dá pé a ter conversas con eles e darlle comunciación
-E cos videoxogos...?
-Hai códigos de recomendación por idade, pero ás veces é bo estar ó lado deles, ver como é o xogo. É bo ter información porque hai algúns que teñen contidos violentos ou agresivos verbalmente. e hai outros que non. Marcarte un tempo antes de empezar...