«O Pastor Díaz é un dos teatros que che quedan gravados, dos que dis: 'Isto é un señor teatro'»
A MARIÑA
Luis Iglesia e Camila Bossa representarán este sábado, 14 de decembro, ás 20.30 horas, «Testosterona», unha obra sobre a desigualdade laboral
12 dic 2024 . Actualizado a las 17:04 h.Un home e unha muller optan a un posto de máxima responsabilidade nun medio de comunicación de ámbito nacional. O director ten que decidir entre a súa mellor exalumna, que leva traballando con el anos e é subdirectora da edición dixital, pero da que considera que lle falta «testosterona» para pelexar nun mundo de homes; e o subdirector da edición en papel, no que non confía tanto. Cal dos dous candidatos será o elixido? A grandes trazos este é o argumento de Testosterona, unha obra de teatro escrita pola dramaturga mexicana Sabina Berman. Producida por Malasombra e dirixida por Xoque Carbajal, este sábado, 14 de decembro, chegará ó Teatro Pastor Díaz de Viveiro ás 20.30 horas da man de dous dos mellores actores de Galicia, Camila Bossa e Luis Iglesia, que falou con La Voz. Pódense reservar entradas no 982 560 162 ou en rgb.cultura@viveiro.es.
—Machismo e desigualdade laboral son temas actuais, dos que se fala a cotío en prensa, radio, televisión... Que achega o teatro?
—O teatro está pasando nese momento. Nos medios de comunicación contas, explicas un relato, pero non o ves e non saen os matices. Non ves á persoa, como respira..., todos eses pequenos detalles que fan que unha persoa sexa distinta á outra. E no teatro si. No teatro estás vendo a personalidade de cada unha delas, e ves que non hai bo e malo, hai un pouco de todo. A vida ten moitas reviravoltas e o tema tamén, e no teatro estalo vivindo. Penso que ese feito nos fai pensar máis.
—Ó facer pensar, o teatro «espabila» en lugar de «atontar»?
—Penso que na peza o tema está moi ben tratado... A pesar de que todos na obra pensamos na mesma liña, houbo debates sobre cuestións concretas sobre se se nos estaría indo un pouco a man, e penso que ese debate se dá nas cabezas dos homes e das mulleres que van ver o espectáculo. E cada función é un público distinto. En cada sitio respírase dunha forma distinta. Hai algúns onde a xente é «moi para fóra», onde non se corta nada. O outro día, nunha función cortaron varias veces a obra aplaudindo e dándolle a razón a ela. A xente estaba enfada, especialmente as mulleres, moi empoderadas. E cando hai esas reaccións, é que o público o está vivindo, e se o está vivindo non hai nada mellor ca iso.
—Se consumísemos máis cultura, máis teatro, o mundo sería diferente, mellor?
—Cando che están falando do holocausto palestino e che din que hai 400 mortos é unha cifra. Non a ves, pero de repente ó mellor ves unha imaxe dun neno pequeno ensanguentado xogando cun xoguete coma o que ten o teu fillo e iso destrózate. No teatro pasa un pouco iso: cando consegues facer unha cousa que estea ben armada, con bos papeis e que lle chegue ó público, o público está contigo en todo momento, respira contigo. E penso que é o que está pasando con esta peza, e por iso está funcionando.
—Que supón actuar no Teatro Pastor Díaz?
—Hai teatros que che quedan gravados na memoria aínda que pases anos sen actuar neles, e o Pastor Díaz é un. Ten tanta personalidade que te viste xa cando vas, que te acolle, que dis: ‘Isto é un señor teatro’.