Roberto Vilar: «Na apertura de 'Continueixon' en Viveiro vai estar miña nai Lola, amiga de Julio Iglesias, que é o máis bonito de todo»

A MARIÑA

O novo espectáculo do humorista xovense comeza este sábado en Viveiro, ás 21.00 no Teatro Pastor Díaz
24 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Despois de Celebreixon, no que conmemorou os seus 30 anos de carreira, Continueixon é a nova xira de Roberto Vilar que arranca este sábado en Viveiro (Teatro Pastor Díaz, 21.00; entradas á venda en robertovilar.com e o mesmo día na billeteira do teatro viveirense). Si, é unha segunda parte da primeira parte pero con outro xiro ao show do xovense, afondando no seu espírito de neno de aldea. Ao fin e ao cabo, sostén que pode demostrar que «dá igual nacer en Nova Iorque que nacer en San Cristovo. Podes chegar ao mesmo sitio, é cuestión de actitude, determinación, talento e traballo». El é a proba.
_Atopei unha páxina de Facebook co nome «Lo mejor del ingles es que las palabras acaben en -eixon», como demostra vostede por segunda vez. Por certo, como era como alumno do idioma?
_Sabes que pasa? Cando vou por aí ao estranxeiro noto que falo moi ben inglés pero non entendo unha palabra, ousexa que algo pasa... Si, é moi ochentero o nome dos meus espectáculos!

_Falemos de Continueixon logo. Que pode dicirnos a modo de spoiler, cando estamos a pique de velo estrear na Mariña?
_É unha segunda parte, ainda que é completamente distinto, dalgunha maneira. Ten algo que ver co Celebreixon, no que celebraba os 30 anos de carreira. Nese primeiro disfrutei no primeiro moito do cariño do público, por iso repito. Foi algo cercano no teatro e algo distinto, que non fixera nunca. É un espectáculo de comedia, como era o Celebreixon. No primeiro falara de como chegara eu á comedia a través da miña familia, de meu pai, miña nai, meus avós, e agora vou contar como cheguei á comedia a través dun elemento esencial como é a aldea, ou como supón para un comediante o que se di «ter aldea» ou «ser de aldea». Poño en valor a importancia que ten a aldea na comedia que facemos en Galicia e particularmente na que fago eu. Ten sentido, ademais, empezar en Viveiro a xira porque é un teatro que está máis cerca da miña aldea.
_E que aprendeu tendo as orixes na aldea?
_O que aprendín da aldea e creo que me axudou moito, algo moi positivo, foi da xente maior, os vellos, de como vían a vida, con que distancia eran capaces de ver a vida e ao tempo que ao ser da aldea eu sentíame «inferior» ao da cidade, pero iso axudoume moito a mellorar e superarme. O que podía parecer un «problema», que seguramente o era naquel momento, co paso do tempo convertiuse nunha ferramenta para mellorar, para intentar demostrar que en primeiro lugar da igual nacer en Nova Iorque que nacer en San Cristovo. Podes chegar ao mesmo sitio; é cuestión de actitude, determinación, talento e traballo. Cando viña do colexio, os nenos que vivían no centro urbano de Xove ían á casa ver a televisión mentres que eu, na aldea, ía buscarlle as vacas a miña avoa, ou mirar que non sei que pasaba cun cocho, ou porque parira unha vaca, ou algunha outra movida, ou o sábado, en vez de ir á praia, tiña que ir á herba seca ou ao maíz... Quero amosar como inflúe iso na miña comedia. En Galicia todo o mundo ten aldea e o que non a tén seguro que a bota de menos.
«Poño en valor a importancia que ten a aldea na comedia que facemos en Galicia e particularmente na que fago eu»
_Falando do rural, hoxe parece estar bastante desatendido hoxendía en xeneral.
_Eu non me refiro tanto a unha aldea física ou xeográfica senón máis ben a unha aldea mental, un estado e unha maneira de vivir que entendíamos que nos correspondía por ser de aldea. Por exemplo, parecía que dabas por suposto que non podías xogar no Real Madrid se nacías na aldea, pero se nacía un no centro de Madrid ou no centro de Valladolid entendía que si podía xogar no Real Madrid, porque así educaron a nosos pais tamén. Como que había sitios aos que, por ser da aldea, non tiñas «acceso». E descubres co tempo que iso non é verdade, porque mira avó de Obama que era pastor de cabras en Kenia e Obama acaba sendo presidente de Estados Unidos. Unha vez que me din conta de que sendo da aldea podía sair na tele dixenme: «Como me enganaron!». Nótaseme claramente o amor por onde veño e do que fun.

_Despois de Viveiro, cales serán as seguintes paradas? E... haberá unha nova oportunidade para gozar de Continueixon na Mariña lucense?
_Despois de Viveiro, onde empeza a xira Continueixon, imos a Ferrol e logo a A Coruña. Vamos subindo. Temos doce datas por todo o país e imos volver á Mariña: a Burela o 10 de maio. Pecho a xira en Cangas do Morrazo, a finais dese mes. Dámoslle a volta a Galicia. Entre o programa e a xira estou ocupado, pero é o mellor que lle pode pasar á miña cabeza. Están xa todas á venta na web.
_Algo que se nos quedara no tinteiro?
_Vai estar miña nai, Lola amiga de Julio Iglesias, no show, que é o máis bonito de todo.