Bernardo Fraga, home clave para o cambio: «Sigo coa ilusión de que Viveiro teña futuro e o pacto asinado co PP desatasca moitas cuestións»

A MARIÑA

O voceiro de Por Viveiro afirma na entrevista a La Voz que esixirá o cumprimento dun acordo que prevé 6 millóns de investimentos nos próximos dous anos
21 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Aínda que lle pese, Bernardo Fraga Galdo (Viveiro, 1983) está estes días no foco da política galega tralo acordo firmado o mércores á noitiña entre o partido independente que lidera (Por Viveiro) e o PP para facilitar a moción de censura que, segundo o previsto, o próximo 7 de marzo conducirá á popular Mariña Gueimunde á alcaldía de Viveiro tras 22 anos de goberno socialista.
—Licitar a variante no 2025, revitalizar a fachada marítima, axilizar o PXOM, lograr apoio doutras administracións para financiar o Conservatorio de Música Profesional, mellorar a rotonda de Misericordia, modernizar o pavillón polideportivo e a piscina, mellorar pistas rurais e o abastecemento de auga en Landrove e Magazos... O pacto de actuacións asinado co PP para cumprir ata maio do 2027, nos últimos dous anos de mandato, valorado nuns seis millóns de euros, é moi ambicioso...
—Para nós, o acordo ó que chegamos co Partido Popular é moi bo para Viveiro no sentido de que desatasca moitas das cuestións que levan anos enriba da mesa e que pensamos que é necesario abordar de forma inmediata.
—Primeiro no BNG e logo en Por Viveiro, partido independente, a súa ideoloxía sempre estivo asociada ó progresismo de esquerdas. Que lle diría á xente que estes días o considera «traidor» ou «cambia chaquetas» por chegar a un acordo co Partido Popular?
—Nós ó PSOE, concretamente á alcaldesa, María Loureiro, pedímoslle en numerosas ocasións que presentara a súa dimisión porque entendíamos que Viveiro necesitaba un novo liderado. Negouse en todo momento, e nós valoramos que tiñamos unha palabra dada ós nosos votantes e ós veciños e veciñas, pero principalmente á xente que nos apoiou nas eleccións, que foron 1.032 persoas, de que se non se cumpría o acordo de investimentos que facilitou a súa investidura no 2023 non nos ía tremer o pulso. E estamos cumprindo estritamente coa nosa palabra.
—Podería resumir esta etapa?
—Penso que non pode haber ningunha dúbida de que os integrantes de Por Viveiro, e particularmente de que tanto Manolo coma min durante os últimos 14 anos apoiamos gobernos encabezados polo Partido Socialista. Apoiamos moitos orzamentos e chegamos a bastantes acordos dos que a inmensa maioría non se cumpriron nunca ó cen por cen. E, aínda así, seguimos facendo unha política construtiva durante todos estes anos para apoiar e intentar sumar para que Viveiro fora a mellor. Neste tempo puxemos sempre ou case sempre por diante o noso pensamento, pero chega un momento en que vemos que Viveiro necesita un cambio de liderado e de rumbo, e puxemos por diante o noso pobo.
«Melchor Roel botounos fóra do goberno no 2012, e aínda así apoiamos gobernos socialistas ata agora, pero moita xente iso non o recorda», Bernardo Fraga, voceiro de Por Viveiro
—Que papel prevé xogar Por Viveiro ata a fin do mandato?
—Como fixemos sempre desde que entramos na corporación ata esta última etapa, imos colaborar e ser construtivos co goberno, pero controlando e esixindo, loxicamente, o cumprimento dos acordos firmados co PP. Igual que fixemos agora co pacto que tiñamos co PSOE. Viveiro necesita estes investimentos de forma inmediata ou o antes posible para saír adiante, ter presente e ter futuro.
—Con toda esta voráxine, recorda cando se interesou pola política?
—Xa no instituto me atraía o traballo político, e a militancia máis activa empeceina na universidade, cando participei nos CAF (Comités Abertos de Faccultade), en Galiza Nova e demais. Logo chegou un momento da vida no que deixei a militancia activa e pasei ó que realmente me din conta que me gustaba, que era traballar polo noso pobo e o noso entorno máis próximo, que era Viveiro. Entrei como concelleiro no 2011, e aí estamos.
—Como se atopa no persoal?
—Estou tranquilo, esperando que todo isto se leve a cabo e sexa bo para todos. Sigo coa ilusión de ver un concello con presente e con futuro para os nosos fillos, e coa posibilidade de que aquí haxa traballo e non haxa que marchar porque hoxe en día a maioría está tendo que marchar.