O Teatro das Cortes, no Vicedo, celebrará o 24 de maio o Sábado das Letras Cantareiras

Lucía Rey
Lucía Rey O VICEDO / LA VOZ

A MARIÑA

<span lang= gl >Toño Casais e Artur Trillo actuarán este sábado no Teatro das Cortes, no Vicedo, onde presentarán o espectáculo «Bicos con lingua»</span>
Toño Casais e Artur Trillo actuarán este sábado no Teatro das Cortes, no Vicedo, onde presentarán o espectáculo «Bicos con lingua» CEDIDA

Haberá un recital, actuará o grupo de pandereteiras As Faíscas, de Os do 21, e Talía Teatro ofrecerá o espectáculo «Bicos con lingua»

23 may 2025 . Actualizado a las 17:49 h.

O Teatro das Cortes, no lugar de Xestoso, na parroquia de Cabanas, O Vicedo, celebrará o próximo sábado, 24 de maio, o Sábado das Letras Cantareiras, en homenaxe ó Día das Letras Galegas. A iniciativa cultural promovida pola asociación cultural Volta e Dálle, impulsada polo actor Pepe Penabade, ofrecerá a partir das seis da tarde unha proposta que dará comezo cun recital aberto, no que poderá participar «quen queira ler un verso, facer un retrinco teatreiro ou botar unha cantarela».

Tamén actuará o grupo de pandereteiras e cantareiras As Faíscas, da asociación Os do 21, do Vicedo. Ás 20.00 horas, a compañía Talía Teatro brindará ó público asistente o «Bicos con lingua», un espectáculo en clave de comedia que, a través de diversas situacións cotiás, invita a unha fonda reflexión sobre os usos e abusos da lingua galega. «Nace dun forte sentimento de amor cara algo tan propio como é a nosa lingua: a lingua galega. Non se trata en ningún momento dun exercicio de victimismo, nada máis lonxe da nosa intención, senón de afondar nun problema real e, certamente, preocupante. Así, pretendemos que esta montaxe supoña para o espectador unha experiencia de redescobremento dunha lingua que existe e crece na súa inmensa riqueza, a pesares dos usos e abusos ós que está sometida de cotío», subliñan desde Talía Teatro. 

Dirixida por Avelino González, a peza foi escrita por Avelino González, Cándido Pazó, Xavier Lama, Suso de Toro, Ana Iglesias, Núñez Singala e Marta Echeverría. Forman parte do elenco Toño Casais e Artur Trillo. 

A entrada será de balde. Colaboran RTA (Servizo Integral de Artes Escénicas) e a Bodeguilla de San Lázaro, co apoio do Concello do Vicedo.