
Visitara a vila na estrea de «O que arde» e mantivera un encontro con estudantes; con catro frases deu unha lección
25 may 2025 . Actualizado a las 10:39 h.Van case 6 anos con motivo da estrea de «O que arde», a súa anterior película, coa que tamén deixou unha pegada fonda, Óliver Laxe estivo en Ribadeo e mantivo un encontro cos escolares e estudantes no Cine Teatro. Era outubro de 2019. Os rapaces preguntáronlle moitas cousas; sobre todo quixeron saber por que decidiu ser director de cine. «Para min era unha maneira de escaparme, de imaxinar. Creo que o cine é a arte das imaxes; hoxe en día falan demasiado nas películas, non é cinema; o cinema comunica coas miradas, cos silencios. As imaxes que se proxectan impactan no voso corpo, hai unha relación de misterio que non pasa pola cabeza, senón polo corazón, e é un pouco o que intento explorar nas miñas películas», explicou. Está recollido na prensa. En realidade nesas poucas liñas hai unha lección de cine. Do seu.
Naquel encontro coa rapazada en Ribadeo, coincidindo co pase da película nos cines, tamén lle preguntaron moito polos incendios e polos protagonistas daquela película, en especial por Benedicta. Óliver Laxe salientou entón a enerxía desa muller de 84 anos entón. «Hai que ver como camiña no monte, é unha mestra, aprendemos moitísimo dela, é unha xoia, dábaslle a man para camiñar no campo e ofendíase». En fin, tamén aproveitou aquel tempo para loubar a vida no rural e a necesidade de darlle pulo. Pero sobre todo quedámonos coa súa lección de cine en catro liñas. O cine son imaxes que impactan no corpo. Con iso vén de gañar en Cannes.