
A área sanitaria de Lugo, Cervo e Monforte foi creada co obxectivo de optimizar os recursos sanitarios e mellorar a coordinación entre atención primaria e hospitalaria, garantindo unha xestión mais eficiente e equitativa da asistencia sanitaria. Porén, a realidade actual na comarca da Mariña, integrada na área sanitaria do HULA e Monforte, contradi estes principios fundamentais.
Contamos cunha poboación superior a 63.000 habitantes, e a día de hoxe existe un déficit en fisioterapia en atención primaria en varios centros. É especialmente grave o caso de Burela, que con case 9.500 habitantes non dispón dun fisioterapeuta en atención primaria, sendo os únicos habitantes da comarca da Mariña que non teñen dereito, ante unha doenza articular, a seren derivados polo seu médico de atención primaria.
A esta situación súmase a ausencia do único médico rehabilitador. En febreiro e marzo non houbo consultas e en abril houbo 15 días de consulta realizadas por 2 médicos desprazados desde Lugo. Isto resulta nunha atención moi insuficiente, o que provocou un colapso asistencial nesta especialidade.
Presentamos retrasos significativos nas primeiras consultas e revisións. Máis de 150 doentes están pendentes de comezar tratamiento rehabilitador e máis de 500 persoas teñen sido derivadas desde atención primaria sen poder comenzar tratamento de fisioterapia pola falta de contratación de fisioterapeutas.
Mentres tanto, zonas como Monforte de Lemos (tamén parte da mesma área sanitaria provincial), con apenas 39.000 habitantes, dispón de 2 médicos rehabilitadores activos e unha dotación de fisioterapeutas máis proporcionada. Esta disparidade no reparto de recursos é inxustificable e contraria ó principio de equidade que debería rexir a xestión integrada.
Esta situación non pode seguir prolongándose, xa que vulnera o dereito da cidadanía a unha atención sanitaria axeitada e contribúe ó deterioro progresivo da saúde de moitos doentes na espera de tratamentos fundamentais para a súa calidade de vida.