Mensaxe da alcaldesa de Burela, Carmela López, sobre o atropelo múltiple

Carmela López, alcaldesa de Burela

A MARIÑA

Pepa Losada

Quero agradecer a resposta inmediata e profesional dos servizos de emerxencia e o apoio ás persoas feridas

30 may 2025 . Actualizado a las 21:48 h.

Como alcaldesa de Burela, quero trasladar en nome do Concello todo o apoio e forza ás persoas feridas no atropelo múltiple ocorrido esta tarde nas inmediacións do porto, en pleno desenvolvemento das nosas festas patronais, así como ás súas familias, que están a vivir momentos de enorme preocupación.

Quero agradecer a resposta inmediata e profesional dos servizos de emerxencia: sanitarios, Policía Local, Garda Civil, Bombeiros, Protección Civil e a todo o persoal que se puxo a disposición desde o primeiro momento. Grazas tamén á veciñanza que colaborou e que, como sempre, demostrou humanidade e compromiso.

Ante a gravidade do sucedido, convoquei ao equipo de goberno, ao presidente da comisión de festas, ao xefe da Policía Local, ao capitán da Garda Civil e aos voceiros da oposición para compartir información, avaliar a situación e tomar as decisións que tocan con responsabilidade, serenidade e unidade.

Pido á veciñanza comprensión, calma e respecto nestas horas delicadas.

Estou en contacto directo coas familias, no lugar dos feitos e tamén no hospital, acompañando e ofrecendo todo o apoio que está nas nosas mans.

Quero engadir que no momento no que fun avisada atopábame no campo da festa, e vin directamente para o hospital. Agora mesmo estamos a piques de comezar unha reunión no Concello, polo que non puiden atender aos medios de comunicación. Pídolles desculpas e agradezo a comprensión.