Juanma Sánchez, presidente de Viveiro en Festas: «Para unha festa, todo custa máis do que se cre»

A MARIÑA

Nos vindeiros días presentarán o cartaz das festas de San Roque tras «moito traballo, moitísimo» e «case o triplo» de gasto do que prevía a comisión antes de comezar hai uns meses

14 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A enorme oferta festiva do verán na Mariña sería imposible sen apoio institucional, pero tamén sen o compromiso e inquedanzas de moitos veciños. Juanma Sánchez Salgueiro (Viveiro, 1993) está á fronte do grupo de rapazas e rapaces que pronto lanzará o programa das festas de San Roque de Viveiro tras uns cantos meses de traballo. «Todos eramos novatos na organización dunha festa, e todo custa máis do que se cre. Xuntóusenos que o 15 de agosto é o día máis caro do ano e practicamente imos gastar o triplo de cartos que contabamos, pero ademais hai moito traballo, moitísimo. Conseguir os seguros, solicitar a autorización de uso dos espazos, de materiais...», detalla o presidente de Viveiro en Festas.

Eses mesmos procesos os sufriron en cada unha das actividades que foron programando coa fin de recadar fondos: «Vendemos merchandising e, seguramente, o volvamos facer na Feira de Artesanía, fixemos unha cea de Nadal, outra de Entroido, o Domingo das Tortillas, este mesmo sábado un “vermuteo” en Xunqueira...».

A todo ilo sumouse a labor de darse a coñecer e gañarse a confianza dos veciños: «É a primeira vez nuns 20 que hai unha comisión e non é o Concello o que fai as festas directamente. Tivemos que explicarlle á xente cal é o novo sistema. Agora estamos rematando a recolecta».

O «Vermuteo» celebrado este sábado en Xunqueira.
O «Vermuteo» celebrado este sábado en Xunqueira.

Sánchez, ademais, razoa que a gran cantidade de festas que se fan reduce as doazóns «porque a xente e as empresas reparten o que daban entre varios». Aínda así, o seu último evento previo ás grandes festas de San Roque, o «Vermuteo» celebrado en Xunqueira, congregou este sábado a preto de 400 persoas e despachou 150 racións de carne de churrasco. «Fixo un tempo espectacular e pasámolo moi ben», di.