
Míriam Bermúdez sorprendeu este xoves pola tarde cun comunicado de prensa anunciando a súa marcha do BNG en Viveiro «por discrepancias co partido». Esa é a explicación que ofreceu; concretaba que as diferenzas foron cos responsables comarcais da formación e vese que non tivo o apoio que agardaba por parte do BNG desde Santiago. Non afondaba máis nos motivos.
Míriam Bermúdez era a portavoz local do BNG en Viveiro. Moza, con ganas de aportar ideas desde un primeiro momento, con iniciativas para o municipio que tratou de materializar nese tempo no que cogobernaron en Viveiro co PSOE ata a moción de censura. Por iso sorprendeu a súa marcha súbeta cando ninguén, desde fóra, contaba. Tiña e ten a vitalidade de quen comeza e tentar mudar as cousas. É boa esa mestura de mocidade e veteranía nun grupo ou nun goberno porque sempre aporta equilibrio.
Cando ela entrou a liderar a candidatura local, o BNG non tiña representación na corporación viveirense e logrou tres concellalías formando parte do goberno local posteriormente, no seu caso ocupando a tenencia da alcaldía. Foi un salto importante, de aí tamén que a sorpresa agora sexa maior. Non parecía que ese entusiasmo dela pola política local, por cambiar cousas, fose quebrar ou non así subetamente. O BNG agradécelle o traballo e a dedicación de todo este tempo mentres parece que toma o seu testigo, polo menos agora, Iria Cotelo, outra muller que demostrou ter vontade e ideas.