O Teatro das Cortes, no Vicedo, acollerá o xoves 28 unha «Tarde Crebinski» 

Lucía Rey
Lucía Rey O VICEDO / LA VOZ

A MARIÑA

<span lang= gl >Os actores Sergio Zearreta e Miguel de Lira, nun fotograma da película «Crebinsky», que será proxectada o xoves no Teatro das Cortes, no Vicedo</span>
Os actores Sergio Zearreta e Miguel de Lira, nun fotograma da película «Crebinsky», que será proxectada o xoves no Teatro das Cortes, no Vicedo CEDIDA

Interviráno actor Miguel de Lira, o director Enrique Otero e a escritora Ana Moreiras, ademais do acordeonista Vadim Yukhnevich

27 ago 2025 . Actualizado a las 14:34 h.

O Teatro das Cortes, impulsado pola asociación Volta e Dálle, no Vicedo, acollerá o próximo xoves, 28 de agosto, unha «Tarde Crebinski». A xornada comezará ás 18.00 horas coa intervención da ilustradora e creadora de banda deseñada burelense Ana Moreiras, que amosará unha mostra das súas pinturas feitas sobre crebas atopadas na Costa da Morte. Autora de cómics como Xaora ou Madialeva, aproveitará a visita para presentar o seu último libro, A Pausa, un diario do confinamento motivado pola covid no 2020. 

A continuación, ás 19.00 horas, o director de cine Enrique Otero e o actor Miguel de Lira presentarán a proxección da película Crebinsky. Protagonizada por Miguel de Lira e Sergio Zearreta, a película foi rodada no ano 2010 en Espasante (Ortigueira), Mañón, Portomarín e Compostela, e proxectada en diferentes puntos de España. Acadou varios premios Mestre Mateo e foi premiada en festivais de cine como o de Málaga ou o de Oaxaca, en México. A música da película foi levada ó directo pola Banda Crebinsky. Ó rematar haberá un coloquio co público asistente. 

A xornada finalizará co concerto que ofrecerá ás 21.30 horas o acordeonista Vadim Yukhnevich. A entrada será de bade. Colabora a Vicepresidencia da Deputación de Lugo, ademais da RTA e a Bodeguilla de San Lázaro.