Burela dá a coñecer o seu bonito e a súa feira gastronómica en Valladolid

La Voz

A MARIÑA

CEDIDA

Viaxaron representantes do concello, da Moncloa e de Ledicia; esta semana a OPP-7 tamén promocionou a merluza burelense na cidade vallisoletana

27 sep 2025 . Actualizado a las 18:27 h.

O Concello de Burela, xunto coa Asociación de Xubilados do Mar e Afíns A Moncloa e a Asociación Ledicia, promoveu unha nova viaxe cultural e gastronómica para dar a coñecer o bonito de Burela e a Feira do Bonito, declarada de Interese Turístico Nacional.

A iniciativa naceu inicialmente co obxectivo de lograr o recoñecemento da Feira do Bonito como Festa de Interese Turístico Nacional e, unha vez acadada esta distinción, mantívose no tempo porque se consolidou como unha excelente ferramenta para promocionar o noso túnido a nivel estatal e para proxectar a imaxe de Burela máis alá das súas fronteiras.

O programa, que se vén celebrando dende hai anos e que xa levou o nome de Burela a lugares como Montmeló, Tarifa, Salamanca ou Losar de la Vera, chegou nesta ocasión a Valladolid.

O acto central foi onte na Cúpula do Milenio, onde se realizou unha presentación e degustación do Bonito de Burela. O evento contou coa presenza de representantes institucionais do Concello e da Deputación de Valladolid, da Asociación de Hostalería de Valladolid, así como da Asociación A Moncloa, a Asociación Ledicia e a alcaldesa de Burela, Carmela López.

Durante a xornada, coa colaboración da Asociación de Hostalería de Valladolid, elaboráronse diferentes pratos con bonito de Burela como ingrediente principal. O peixe foi doado pola empresa ABSA S.A. e preparado e enviado polo Almacén do Peixe. Ademais, Conservas Faro de Burela achegará produto en conserva.