A Mancomunidade presentará a oferta turística e gastronómica da Mariña lucense en Bilbao o día 22
A MARIÑA
Irán tamén coñecidos cociñeiros que prepararán degustacións con produtos locais
16 oct 2025 . Actualizado a las 10:13 h.A Mancomunidade de Municipios de A Mariña presentará este vindeiro mércores, 22 de outubro, a súa oferta turística e gastronómica en Bilbao. Un evento dirixido aos axentes do sector no que tamén estarán presentes representantes institucionais da cidade vasca.
Con esta iniciativa a Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense da un paso máis na promoción do destino dentro do mercado nacional, creando lazos de colaboración con territorios próximos. O evento iniciarase cun acto simbólico no que a presidenta da Mancomunidade, Rocío López, e a concelleira da Área de Desarrollo Económico, Comercio, Turismo y Empleo de Bilbao, Kontxi Claver, intercambiarán uns detalles tradicionais propios de cada territorio. No evento tamén participarán a vicepresidenta da Mancomunidade, Ana Ermida, e a directora de Turismo y Eventos Bilbao, Mercedes Rodríguez Larrauri.
A continuación terá lugar a presentación oficial do destino A Mariña para os axentes turísticos convidados ao evento, que incluirá a proxección dos audiovisuais. O sector das axencias de viaxes e touroperadores deste territorio vasco poderán coñecer de primeira man a oferta da Mariña.
A gastronomía será un dos puntos clave do evento, que contará coa presenza do Colectivo de Gastronomía da Mariña, que servirá aos asistentes unha degustación de produtos locais elaborados por cociñeiros e cociñeiras que viaxarán ata Bilbao. Será unha boa oportunidade para levar os sabores deste territorio ata a cidade vasca, compartindo a orixe e a calidade duns produtos preparados pola man de recoñecidos cociñeiros. O evento está promovido pola Mancomunidade de Concellos da Mariña.