Denuncian na Pontenova que os 2.300 veciños levan máis dunha semana cun só médico

s. c. A PONTENOVA / LA VOZ

A PONTENOVA

CEDIDA

O Sergas explica que os dous médicos están de baixa: «Unha praza está cuberta sempre, e a outra, cando se pode»

27 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O alcalde da Pontenova, o socialista Darío Campos, denunciou onte «que as veciñas e os veciños da vila levan máis dunha semana cun só médico no centro de saúde, sufrindo os recortes sanitarios do Goberno de Feijoo», sinalaba.

«Primeiro suprimiron unha praza das tres que había, e agora un está de baixa e non a cobren», advertiu o rexedor. «Calquera usuario que queira ser atendido no centro de saúde da Pontenova estes días ten que esperar unha media de catro días para ser atendido na consulta médica. Sen esquecer que estamos nunha época do ano con picos de moita afluencia por mor do inverno e da campaña de vacinación da gripe», engadía Darío Campos.

«Os nosos maiores, e a poboación en xeral, merecemos unha sanidade de calidade, non podemos dar as costas aos veciños cun dereito que ten que ser prioritario para todos, vivamos onde vivamos. Por iso quero facer un chamamento á Consellería de Sanidade para que tome cartas no asunto e cubra á maior brevidade esta praza».

As prazas na localidade

Dende o Sergas respondían onte ao alcalde da Pontenova, Darío Campos: «Na Pontenova están os dous médicos en situación de IT (incapacidade temporal, ou sexa, de baixa). Non é verdade que non se substitúan. Un está cuberto sempre cun substituto, e a outra baixa tamén se cobre sempre que se pode, aínda que, como é sabido, non sempre é posible, posto que non hai médicos substitutos suficientes nas listas de contratación», indicaban.

Moitas dificultades

«Desde a xerencia da área sanitaria estase a facer un enorme esforzo para cubrir todas as ausencias que se presentan (ben sexa por baixas, por permisos...), pero existen moitas dificultades para cubrir sempre postos nos que, como sinalamos, non hai especialistas nas listas de contratación. Pero insistimos: un está cuberto sempre de forma fixa cun substituto e outro sempre que se pode. De feito, a semana pasada non é certo que non se cubrira ningún día, pois si se cubrira algún día, cando se atopou substituto. Sempre que haxa substituto cóbrense as dúas baixas nese centro», explicaban dende o Servizo Galego de Saúde onte en resposta ao alcalde pontenovés.