A artista, que expón na peza «Nunha aldea» o cambio vital que a trouxo á Mariña, revitaliza a música galega mesturándoa cos sons latinos
20 jul 2022 . Actualizado a las 21:36 h.A percusión leva o liderado cun sutil acompañamento ata que soa a voz: «Eu vin a unha aldea a vivir unha vida tranquila / O único que eu quero, caramba, é unha vida miña». Así comeza o máis recente single -o videoclip está dispoñible nas redes sociais- de Catuxa Salom, un novo proxecto musical que nace dun cambio vital: o da muller que hai detrás dese nome, Catalina Salom (Vilagarcía, 1989). Una arousana de raíces arxentinas que, tras unha difícil experiencia coa pandemia en Madrid, asentouse nun lugar da Pontenova.
Salom levaba anos vivindo na capital española, traballando na industria musical. O coronavirus cambiou todo. «Eu tocaba cunha banda que se chamaba The Dawlins, eramos catro mulleres facendo country. Chegou a pandemia e sentín que a cidade me agobiaba moito, sentíame como atrapada, o que lle pasou a moita xente. Era difícil gañar cartos da música, porque se parou todo. Daquela decidín dar un paso que tiña sempre na mente, volver a Galicia», explica.
Con amigos buscou un destino que lle permitise cambiar de vida. Gustoulle unha casa que atopou no coñecido portal El Idealista. «Non sabiamos exactamente onde estaba. Gustounos a vivenda e que había unha finquiña para ter unha horta, que era algo que buscabamos. E adiante», expón. Así foi como o grupo chegou a Vilarxubín, unha aldea pontenovesa.
O cambio foi para mellor, afirma. «Este sitio é unha pasada. A ruta das Reigadas e as Seimeiras... Nada é para sempre, pero síntome cómoda no rural. Penso que a sociedade ten que darse conta de que a vida en grandes cidades non é sostible. Eu coñezo as dúas partes e téñoo claro», sostén. O grupo vén de mudarse a outra aldea pontenovesa.
De poñer na balanza o positivo e o negativo do rural, Salom salienta que «poder plantar os teus propios alimentos, estar rodeado de verde, ter un río a un lado, as praias a media hora... Iso é unha pasada. Ademais, a xente é máis auténtica, as amizades son máis auténticas. O que máis duro se me fai son as comunicacións. Por sorte teño vehículo pero depender do autobús non é viable nesta zona», indica. Pero hai un factor que o desequilibra todo. «Penso que o verdadeiro éxito é ter tempo para ti, para facer cousas, e iso na cidade é moi complicado», aclara.
Ese tempo permitiulle concebir o proxecto de Catuxa Salom, logo dunha investigación sobre as súas raíces arxentinas e galegas. «Comezaron a saír as cancións cunha mestura orgánica. A idea é unir eses dous mundos e facelo a través de ritmos tribais. A Igrexa foi suprimindo a percusión porque as súas vibracións van ás cadeiras. O folclore galego encántame porque non quitou ese elemento, segue a ser pagano nese sentido», argumenta. A avoa de Salom vive na zona de Arxentina limítrofe con Chile, «de moita presenza indíxena, e aínda que coa europeización perdeuse algo, alí eses sons seguen vixentes, fusiónanse coa electrónica, co rock...», engade.
Salom, que gravou as súas primeiras cancións cando tiña oito anos, fíxase en Lido Pimienta, Mercedes Sosa, Lila Downs, Rodrigo Cuevas ou a focense Ugía Pedreira, «xente empoderada sen artificios».
De xente empoderada fala nas súas cancións, como «Mulleres Piratas», que conta a historia de mozas que escapaban da súa vida para iniciar outra en alta mar.
En «Nunha Aldea», cuxo videoclip foi rodado no rural pontenovés, expón «a miña experiencia vital. Non hai que romantizar o rural, porque non é idílico. Falo do que me atopei, tamén do caciquismo. Pero é por agora a miña aposta de vida», puntualiza.
Salom está a presentar estes primeiros traballos en Galicia e agarda facelo tamén en Latinoamérica, onde hai expectación polo proxecto. «Estase a plantexar unha xira. Alí chama a atención porque aínda que canto en galego case todo o mundo ten algún familiar de aquí. É o karma positivo de emigrar: séculos despois, a xente coñece a nosa cultura», conclúe.