Adolfo Martínez: «O fútbol antes era unha festa, viaxaban con nós ata os veciños que non eran moi forofos»

ALFOZ

O recordado medio de Alfoz probou polo Madrid e xogou no Sporting B antes de competir en seis promocións a Segunda B co Viveiro e o Xove Lago
17 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.«Cando era adestrador, un xogador criticoume dicindo que poñía a xogar aos meus amigos. Foi o mellor eloxio que me puido facer, mellor compartir unha derrota con amigos que unha vitoria con estraños». Esa anécdota recuperada nas entrevistas do Club Deportivo Alfoz aos seus históricos define á perfección o carácter de Adolfo Martínez Vázquez (Alfoz, 1968), un dos futbolistas máis singulares entre os que protagonizaron os anos dourados do fútbol mariñán.
Tras probar no Real Madrid, pasar polo Sporting de Xixón e o Lugo e competir en seis promocións de ascenso a Segunda B co Viveiro e o Xove Lago, o recordado centrocampista sitúa as súas mellores vivencias nun humilde club que hai tan só unha semana presentou a primeira parte dun documental que repasa a súa traxectoria desde a fundación no 1981. «Comezara con Canel en infantís, no Valadouro, porque o Alfoz comezara a facerse pouco despois», lembra un home que chegou ao primeiro equipo verdibranco con só 15 anos.
«O fútbol antes era unha festa, os veciños viaxaban e pasaban o día, incluso os que non eran moi forofos. Ían comer por aí, coñecían outras vilas e apoiaban aos rapaces do pobo. Era a novidade e o divertimento que había», conta Adolfo sobre uns comezos onde as duras condicións, «en campos moi complicados, enlamados», non podían coa «ilusión».
«Xogaba case sempre de mediocentro. Intentaba non perder moitos balóns, dar solucións aos compañeiros, asegurar o pase e, cando o perdíamos, recuperalo canto antes», desliza sobre as condicións que o levaron ás portas da elite no fútbol. «Daquela estaba de moda ir probar polos grandes equipos. A min un olleador levárame ao Real Madrid, pero pillárame unha mala época, con cambio de directiva, e non puidera quedar. Despois fun ao Sporting e estiven alí un par de anos. Era outra época, nin móbiles había, non era tan fácil mostrarse como agora», conta un home que, tras o paso polo Sporting Atlético, luciu o seu talento e traballo un curso e medio co CD Lugo en Segunda B antes de ser partícipe do ascenso a Terceira do Xove Lago.
As promocións de ascenso
Adolfo foi toda unha garantía de éxitos nos seus equipos. No Viveiro converteuse nunha das pezas claves do club que entre o 93 e o 99 xogou cinco promocións de ascenso a Segunda B, mentres que no peche do século XX se converteu de novo no Xove Lago nun dos mariñáns que máis veces rozaron o salto á categoría de bronce nacional. «Dá pena xogar tantas veces a promoción sen lograr ascender, pero quizais tampouco se tomaban moi en serio. Era un pouco ruinosas porque viaxar a Madrid era carísimo e supoñía un gran sacrificio para moitos xogadores que traballaban ou estudaban», analiza sobre a época máis gloriosa do balompé na costa lucense.
«O último ascenso a Preferente co Alfoz, en Chantada, foi moi especial»
No seu retorno ao Alfoz, na campaña 2000-01, Adolfo tamén foi protagonista dun fito inesquecible para os seus veciños, o último ascenso a Preferente. «Vivín épocas moi boas, fixen grandes amigos. Gardo moitos e moi bos recordos, pero o último ascenso a Preferente co Alfoz, en Chantada e con Molo de adestrador, foi moi especial, Chegamos alí e eles practicamente se daban por ascendidos, chegáballes empatar, pero gañámoslles ben», repasa un home sempre disposto a axudar a un club ao que adestrou en varias etapas.
«Sempre me gustou máis xogar que adestrar, pero facíao para botar unha man cando tocaba. Do que máis feliz me sinto é do ben que responderon os rapaces da casa cando os adestrei. Era unha gran satisfacción ver o que melloraban desde o inicio», reflexiona aínda ligado ao CD Alfoz. «Agora sigo indo ao campo como afeccionado», di dun equipo que compite en Segunda Futgal.
Lonxe parecen quedar os seus tempos en Preferente, igual que as promocións de ascenso á terceira categoría para clubs da costa lucense: «Houbera un gran auxe polo fútbol había moito nivel. Todo depende de que saía unha boa camada, pero hoxe en Alfoz é complicado co que descendeu a natalidade. Ademais, manter un equipo é moi caro se non hai unha gran masa social. Isto vai un pouco por épocas. A Mariña tivo un gran momento, mentras que daquela nas Rías Baixas había moi pouquiño...».
«Agora xógase moito máis rápido. A preparación física está moito máis coidada, todos van como balas», engade preguntado polas diferenzas da era na que Adolfo Martínez se converteu en un todo un referente na costa e o xogo actual.