
Nestes días volveuse a abrir o debate sobre o nome do noso concello. Desta volta, a proposta de cambiar a súa denominación parece que vai vir imposta pola Xunta de Galicia, dentro dun plan máis amplo de revisión toponímica. E, se ben é certo que recuperar formas históricas pode ter sentido cultural, tamén o é que calquera decisión sobre a identidade dun pobo debería nacer do propio pobo. Por coherencia, debo dicilo, non é o mesmo acordar un nome que recibilo imposto, do mesmo xeito que tampouco o foi cando un goberno local decidiu, sen consultar á cidadanía, que bandeira debía representarnos.
A posibilidade de volver á denominación Alfoz do Castrodouro esperta opinións diversas. Hai quen o entende coma un acto de xustiza histórica e quen o ve como unha cuestión menor, puramente administrativa. Pero, máis alá das posicións a favor ou en contra, paga a pena deterse un intre e mirar atrás, porque tanto a historia coma o propio topónimo axúdanos a comprender quen somos e de onde vimos.
O termo «alfoz», na súa orixe medieval, designaba un territorio dependente dunha vila ou dun castelo, unha xurisdición sobre as súas terras e habitantes. Por iso, cando o rei Alfonso IX de León e Galicia visitou estas terras o 10 de abril de 1220 e concedeu aos poboadores do Castrodouro o Fuero de Benavente, non estaba só outorgando dereitos ou privilexios, estaba fundando unha vila e un alfoz, un territorio organizado arredor do Castelo do Castrodouro.
Segundo diversos estudos, o Castrodouro foi a quinta poboación galega en acadar o título de vila, só por detrás de Padrón (1164), Noia (1168), Baiona (1201), Ferrol (1212) e xunto a Vimianzo (1220). Este dato amosa a relevancia histórica que chegou a ter o noso val, tanto no contexto político coma económico da época. Durante séculos, a denominación da Vila «Alfoz do Castrodouro» mantívose viva en documentos e na memoria popular.
Non se sabe con exactitude cando deixou de ser oficial o nome completo «Alfoz do Castrodouro», aínda que si está documentado o seu uso habitual, xa castelanizado como Alfoz de Castro de Oro, ata ben entrado o século XX, como aconteceu con tantos outros topónimos galegos. Tras a aprobación da Lei de Normalización Lingüística de Galicia (1983), pasou a empregarse a forma «Alfoz», que é a que hoxe figura de forma oficial nos rexistros e documentos administrativos.
A historia é cíclica. O mesmo rei que repoboaba territorios no século XIII para fortalecer o reino atoparía hoxe un reto semellante, o de revivir o rural, repoboar os vales e devolverlles importancia ás vilas pequenas. Tal vez ese sexa o verdadeiro fondo deste debate, non tanto decidir como chamarnos, senón como queremos existir.
A identidade dun pobo non se constrúe só co nome, pero os nomes son pegadas da memoria, e borralas é tamén esquecer un anaco de nós. Quizais o importante non sexa tanto recuperar oficialmente o nome completo, senón recoñecer o valor do que ese nome representa, oito séculos de historia, un castelo que segue en pé e un val que continúa loitando por ter vida.
Que esa memoria non se perda, e que sigamos, coma sempre, con independencia do topónimo oficial, vivindo na Vila e Alfoz do Castrodouro