A asociación de A Milagrosa celebra o seu 30 aniversario coa «Pegada Veciñal»

Lucía Blanco / M. G. LUGO / LA VOZ

BURELA

No acto homenaxearon a 12 lucenses pola súa traxectoria social e profesional

17 jul 2021 . Actualizado a las 01:21 h.

«O Barrio senlleiro de Lugo», así se coñece o barrio de A Milagrosa, que celebrou o 30 aniversario da súa asociación. Baixo o lema de «30 anos facendo barrio», o centro de servizos sociais de Frigsa acolleu a entrega dos galardóns «Pegada Veciñal», organizada pola Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais de A Milagrosa.

Despois de facer unha selección na que tiveron en conta principalmente «temas de relación co barrio», conta o presidente da asociación, Jesús Vázquez, foron 12 as personalidades homenaxeadas que deixaron a súa pegada no caolín de Burela, unha cerámica coa que queren amosar que están agradecidos pola axuda destes «personaxes que pasan á historia de A Milagrosa», entre os que se atopan concelleiros, excaldes e veciños.

A asociación quixo facer un acto diferente e orixinal para «chamar a atención» pero sen esquecer o seu obxectivo principal que era «perpetuar a memoria das persoas». Por este motivo, foron descartando opcións, ata que escolleron finalmente a iniciativa que emula o coñecido acto que ten lugar en Los Ángeles.

As melodías que soaron

Cada un dos galardoados tamén escolleu unha canción que os identificara. «El Escaramujo» de Silvio Rodríguez e «O tren» de Andrés Dobarro foron, respectivamente, as elixidas pola alcaldesa Lara Méndez e o presidente da Deputación José Tomé, presentes no acto.

Ademais de recoñecer a «traxectoria profesional e social» dos premiados, inauguraron a exposición Historia do barrio da Milagrosa 1960-2001, que se poderá visitar dende o vindeiro día 19 e ata o venres 23 deste mes. Este percorrido polas vivencias da zona mediante novas recollidas do arquivo dos distintos xornais permitirá que se acheguen máis persoas a coñecer gran parte da memoria do lugar, xa que o acto de onte tivo un aforo limitado por mor da covid-19.

A esta celebración seguiranlle a «Feira de San Isidro», que a entidade organiza dende o ano 1998 e os «Milagrosistas do Ano», iniciativas que manteñen vivas ao barrio. É un lugar dinámico e activo, que non perde a súa esencia grazas ao gran apoio dos veciños.

Música, recordos, orgullo e ledicia nun día histórico para o barrio lucense

Un relato sobre os actos que forman parte da memoria dos milagrosistas daba inicio ao acto conmemorativo do 30 aniversario da Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais de A Milagrosa. A través da exposición, inaugurada polo presidente Jesús Vázquez Varela, cada un dos presentes percorreu os 41 anos de historia do distrito, dende que se puxo a primeira pedra da súa igrexa no 1946.

As competicións deportivas, as festas e os concursos tiveron o seu espazo nesta mostra, organizada no centro de servizos sociais de Frigsa, que tamén recolleu outros momentos agridoces como foi o asasinato da nena Mari Claire Paredes ou a tráxica morte do piloto de motociclismo Juan López Mella.

Despois chegou o momento de que os 12 citados marcaran a súa man na cerámica de Burela, para emular así a pegada que deixaron no barrio. O acto amén acolleu un recoñecemento ao expresidente da Deputación falecido, Juan López Mella, que recolleron os seus tres fillos mentres soaba a canción «Lela».

O himno de A Milagrosa puxo punto e final aos actos conmemorativos que recolleron a celebración dos «30 anos facendo barrio». A canción «Xuntos» de Juan Pardo que define «a filosofía da nosa asociación», subliñou Jesús Vázquez, foi a banda sonora elixida para inaugurar o acto.

Ademais, cobrou importancia unha exposición tremendamente emotiva e organizada por María José Villamarín que despertou a curiosidade dos que onte estiveron presentes.