A Anpa do Ceip Vista Alegre de Burela xunta 18 voces de mulleres e nenas nun documental sobre igualdade
BURELA
«Queriamos transmitirlles que, sexan nenos ou nenas, poden lograr todo o que se propoñan», explica a presidenta, Sara Calvo
05 jun 2023 . Actualizado a las 12:44 h.A Asociación de Nais e Pais (Anpa) do colexio Vista Alegre de Burela presentará o vindeiro domingo, 11 de xuño, (19.00 horas, casa da cultura) un documental no que recolle 18 voces de profesoras, alumnas e nais para falar sobre igualdade.
Elaborado a partir dunha axuda da Xunta para a agrupacións de familias dos centros educativos, o documental foi rodado por Rubén García e José Filadelfia co impulso da Anpa. As testemuñas, todas da contorna do Ceip Vista Alegre, falaron da súa experiencia vital ou das súas profesións. Enfermeiras, futbolistas, amas de casa, técnicas de mantemento en Alcoa ou persoal de ambulancias comparten as súas vivencias na peza audiovisual, duns 25 minutos de duración.
A presidenta da Anpa, Sara Calvo, indica que as participantes «deron o seu punto de vista sobre o que se pode mellorar» a nivel de igualdade, aínda que o documental centrouse «en transmitir ao alumnado que «pode chegar onde se propoña, independentemente de se son nenos ou nenas. Buscabamos facerlles entender que son capaces de todo, independentemente de que os seus corpos presenten algunhas diferenzas», apunta.
Calvo resalta a «unidade» que se viviu durante a gravación do documental, no que participaron tamén anteriores dirixentes do centro educativo burelense, xa retiradas. «Foi un traballo duro poder cadrar todas as axendas, pero estamos moi satisfeitos co resultado final», remarca.
Proxectarase este domingo
O acto de presentación do documental contará coa presenza de Raquel Hermida, de Academia A Mariña e directiva da Anpa do IES Alfoz-Valadouro. No evento, ao que as familias convidaron ás autoridades educativas das Administracións, entregaranse ademais os premios do concurso de debuxo sobre igualdade e a prevención da violencia machista. A Anpa do Ceip Vista Alegre convida a participar na proxección da peza audiovisual a todas as persoas que o desexen, «posto que consideramos que é unha iniciativa que vai máis alá do que é a comunidade educativa do colexio, e que pode interesar a calquera persoa de Burela ou doutros lugares coincienciada sobre a igualdade», conclúe Calvo.