Beramendi e o seu vínculo con Burela

Herminia Pernas CRONISTA OFICIAL DE BURELA E PROFESORA

BURELA

Beramendi, á dereita, no nomeamento de Herminia Pernas como cronista oficial de Burela
Beramendi, á dereita, no nomeamento de Herminia Pernas como cronista oficial de Burela

10 jul 2024 . Actualizado a las 14:48 h.

Universidade de Santiago de Compostela. Facultade de Xeografía e Historia. Finais dos anos 80. Comeza un novo curso e temos un profesor que imparte as súas clases en galego: rara avis. De feito, foi o primeiro en explicar na nosa lingua. “Que cousa máis rara, temos un profe con apelido vasco, nacido en Madrid e que fala e escribe en galego”, comentaba unha compañeira.

Despois das primeiras sesións docentes quedou claro que non era galego de adopción senón por elección. Boa elección e bo profesor. Moi bo. E que ben se expresaba na nosa lingua! Claro está que o protagonista destas liñas non é outro que Xusto Beramendi.

Foi profesor meu durante a licenciatura. Despois tiven a sorte ou o privilexio de que quixera ser o titor da miña tese de doutoramento. E desde aquela... ata agora! Tras a tese chegaron distintos tipos de bolsas e proxectos de investigación. A miña idea, como a doutros moitos, era quedar en Santiago de Compostela, cidade que, malia non ter mar, entroume polo ollo desde os dezaoito anos en que fun estudar alí.

Pero non puido ser. Retornei á miña vila natal, o que non significou en absoluto que pasara páxina da etapa compostelá. As amizades feitas alí continuaban moi presentes e, entre elas, por suposto, a de Beramendi. Cando aprobei a oposición de Secundaria, foi el o primeiro en sabelo; e despois, convertida xa en profesora de ensino secundario, continuei “molestando” a antigos profesores e compañeiros de Facultade para cotexar apuntamentos, demandar consellos, e demais aventuras “culturetas” que se me ocorrían e que sempre foron ben acollidas. Durante un tempo compaxinei os dous mundos académicos e na actualidade sigo a colaborar con eles, non vaia ser que o meu título de doutora en Historia se encouce.

Volvendo a vista atrás, a figura do meu titor foi moi significativa no ámbito cultural. Así, cando inauguraba licenciatura comenteille que me escolleran para dar o pregón das festas de Burela e el non dubidou en axudarme coa dicción e a estrutura do texto que eu redactara para tal evento. Anos máis tarde tamén pregoei a Semana Santa e no momento de lle pedir consello, arqueou unha cella e dixo: “Por que non falas da relixiosidade mariñeira?” Foi un pregón atípico e ata un pouco “revolucionario” en palabras do entón cronista de Burela, Ricardo Pena.

Cando a miña tese quedou lista para sentenza un 12 de xuño de 1998, comentoume que nunca vira tanta xente nun acto deste tipo. Era lóxica tanta asistencia, porque entre a miña familia e amizades burelás Beramendi xa era moi coñecido e non só por ser o meu titor. Deulles clase a bastantes mariñáns e tiña un selecto grupo de seguidores.

O mesmo sucedeu cando tocou presentala, xa convertida en libro. Este acto tivo lugar durante unhas vacacións de entroido no pazo de Bendaña e pensabamos que apenas teriamos público. Equivocámonos rotundamente.

Xa en Burela seguín pedindo o seu consello, mesmo para formar parte da familia “moncloísta”, que el coñecía de oídas. Quería traelo a esta vila para que nos falase do nacionalismo galego pero nestas leas meteuse a pandemia polo medio, e con ela a virtualidade e as videoconferencias. Mais eu seguía coa teima de que tiña que vir en persoa e así o fixo no acto da miña presentación como cronista.

Fixemos máis plans culturais e un deles consistía en que me tiña que revisar un artigo que me encargara unha revista de Historia. En verdade tratábase da miña aportación para un libro-homenaxe que lle fixemos un grupo de colegas a ese galego por elección. Gustoulle o texto e retomamos o tema de volver a Burela como conferenciante. Así o poñía na programación do noso Departamento cada comezo de curso pero nunca o puiden cumprir.

Ao remate deste ano académico recibimos a noticia de que o noso instituto fora o gañador do Proxecto Didáctico Antonio Fraguas e que tiñamos que achegarnos a Santiago para recibir semellante recoñecemento. Pensei en chamalo para comentarllo e convidalo ao acto, pero xa non vai poder ser.

Foise de súpeto, deixando unha orfandade moral e intelectual entre as persoas que tivemos a honra de traballar con el e unha inestimable herdanza cultural para as xeracións futuras de Galicia.