A exposición sobre o encascado de redes que se exhibe en Santiago chegará a Burela
BURELA
Forma parte do proxecto gañador da XIII edición dos premios Antonio Fraguas Fraguas
08 dic 2025 . Actualizado a las 17:08 h.A mediados de novembro inaugurouse no Museo do Pobo Galego, en Santiago, a exposición «A sustentabilidade das artes de pesca a través do proceso de encascado de redes: o caso de Burela», proxecto gañador da XIII edición dos premios Antonio Fraguas Fraguas na categoría de educación secundaria. Este proxecto didáctico, promovido desde 2004 pola fundación homónima e patrocinado pola Xunta a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pretende pór en valor as investigacións sobre o patrimonio etnográfico, antropolóxico, lingüístico, xeográfico, histórico e artístico no marco dos centros educativos. Neste caso, o encascado de redes é unha tradición fundamental no patrimonio cultural dunha vila coma Burela, sempre respectuosa co mar.
A mostra estaba previsto inicialmente que se expuxese ata o 13 de decembro, pero finalmente ampliarase un mes máis, segundo confirmou a coordinadora do proxecto gañador do IES Monte Castelo, a profesora Herminia Pernas. Concluida a súa estrea en Compostela, a idea é traela a Burela, onde permanecerá como unha exposición permanente. A docente adianta que por parte da Xunta, da Fundación Antonio Fraguas e do Museo do Pobo Galego xa manifestaron a súa disposición de acudir ao acto de inauguración na localidade mariñá.
A idea de investigar sobre este proceso, segundo explica Pernas, xurdiu despois de conversas e explicacións de membros da asociación A Moncloa, que agrupa a xubilados do mar e afíns. O tema abordouse nas clases de Xeografía e Historia de Galicia e o seguinte paso foi presentarse en 2019 ao congreso «Conservemos o noso mar», organizado pola fundación Expomar en Burela.
A pandemia do covid freou algúns plans, pero a ilusión e a determinación por continuar avanzando permitiu dar novos pasos e retomar o proxecto no curso 2023-24. En xuño do 2024 fíxose en Burela a primeira exposición e tamén trascendía que o proxecto gañara a XIII edición dos premios Antonio Fraguas Fraguas.
Destacábase que o xurado valorara o feito de que se profundizara nunha actividade e oficio hoxe desaparecidos «coa importancia que supón á hora de conservar a memoria para o coñecemento das novas xeracións». Valorábase tamén a implicación social do proxecto na súa contorna e a investigación con entidades doutros territorios de Europa nos que tamén se desenvolveu esta actividade. Ademais de encascarse ao longo de todo o litoral galego, de Asturias, de Cantabria ou do País Vasco, da costa de Aveiro e en Caxinas-Vila do Conde (Portugal), «en Francia tamén se conserva esta tradición, especialmente en Marsella, Bretaña e Bastia (Córcega)», recolle a investigación.
Proxecto comunitario
Herminia Pernas destaca a participación de alumnado de 4º. de ESO e de 1º. de BAC, dos departamentos de Xeografía e Historia, Galego, Francés, Artes e Tecnoloxía, do Ciclo Superior de Química e Saúde Ambiental, da Moncloa, da Confraría de Pescadores de Burela e da Área de Cultura do Concello de Burela nesta actividade comunitaria.
Primeiro deuse forma ao proxecto a través de debuxos realizados polo alumnado de Artes, «seguindo as indicacións dos nosos mariñeiros», apunta Herminia, quen remarca a importancia de que os maiores foran legando os seus coñecementos aos estudantes. «Ata os anos 60 do século pasado, os aparellos empregados polos nosos mariñeiros eran de liño e cáñamo, e máis adiante, maioritariamente, de algodón. Estes materiais, pouco duradeiros, requirían numerosos coidados para prolongar a súa vida útil», recolle o proxecto: «Estes aparellos comprábanse a casas catalás (Ribó, Barceló, Ramón Julià...), pero en Burela tamén había establecementos que abastecían a frota: La Bermeana, La Cordelera, o Chigre ou a taberna de Cazón (...) Atribúese aos fomentadores cataláns, que chegaron ás costas galegas entre 1755 e 1820, a introdución do tratamento das redes de fibras naturais mediante a técnica do encascado».
«En Burela chegaron a existir ata cinco píos de encascar»
Na investigación abórdase o tinguido de redes e da roupa de traballo mariñeira, que eran de cor branca: «Era necesario, pois, poñelos a secar con frecuencia e, cada certo tempo —entre 2 e 6 veces ao ano—, encascalos ou tinxilos». Recóllese que «estes aparellos pertencían á pesca de cerco, utilizada para capturar sardiña, bocarte ou chicharrón, e que o tinguido se realizaba en pequenas caldeiras domésticas». En Burela chegaron a existir ata cinco píos de encascar: «O primeiro forno de encascar do que se ten memoria data de mediados dos anos 30 do século pasado e pertencía ao empresario madeireiro Nicolás Domínguez Díaz».
No 1942, a Confraría de Pescadores acordou construír unha chabola de encascar no porto, onde se atopa a nave de redes, que dez anos despois foi trasladada á praia do Penoural, reflicte o documento que detalla as fases; a recollida da cortiza de piñeiros, salgueiros, carballos ou castiñeiros; baleirala no pío de encascar onde se machacaba ata convertela en casca; quentábase a auga na caldeira e ao ferver botábanse as cascas para cocer —«nos aparellos de cerco e arrastre engadíase catacún, unha especie de alcatrán, para darlles maior consistencia»—, a mestura resultante pasaba da caldeira a un primeiro pío de cemento, onde xa se situaba o aparello e, despois doutras fases, tocaba o transporte das redes para poñelas a secar.
Pernas traslada o agradecemento a colaboradores, como a Coral Polifónica, que cedeu a peza «Na Mariña», a música de fondo do vídeo. O premio permitiu desenvolver o proxecto adquirindo materiais en empresas locais, como telas en Decoraciones Pura; redes e tinturas en Efectos Navales Latitud, a carpintería Pineros fixo un pío, Mercería Ajuar ocupouse da vestimenta, os da Moncloa fixeron o mazo para machacar e cederon pezas, o zoqueiro Alberto Geada contribuiu con pezas, Noelia cedeu un pío de pedra, Arracada fixo as lonas e os paneis, etcétera.