
Carla Díaz e a súa parella Raúl Vázquez xa teñen nos seus brazos na casa de Cervo a Artai, que veu ao mundo en plena pandemia
18 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.A experiencia de ser nai é única, extraordinaria, marabillosa, chea de ledicia e ilusión. En circunstancias habituais, a chegada dun neno a unha familia convértese nun festexo non só para os pais senón tamén para os avós, so que en tempos do coronavirus esa normalidade trúncanse e vívense estados de certo medo e incertidume, entornos novos e sen tanta compaña. Unha etapa agora agridoce pero chea de esperanza e agarda de tempos mellores para celebrar xuntos a chegada dun novo mariñao. Un deles é Artai, que veu a este mundo o pasado día 11 e en plena pandemia mundial. Os seus pais son Carla Díaz Fernández (Burela, 1987) e Raúl Vázquez Rubal (Burela, 1986). Onte saían da súa casa, en Cervo, pero para so ir ao pediatra e ao rexistro, «senón pasaba todo o día en pixama» di a nai, sorrinte e feliz.
-Artai... que bonito nome! Buscou cal é o seu significado?
-Si, é o fillo do primeiro poboador galego, dos ártabros. Hai pouquiña xente con ese nome. Mirei no Instituto de Estatística e creo que hai unhas duascentas e pico persoas que se chaman así e deben ter unha media de doce anos. Todo o mundo pensa que é vasco... pois non, é galego!
-Como viviu a última parte do embarazo, xa en corentena e coas medidas estrictas polo Covid-19?
-Ao final do embarazo estaba bastante asustada, porque eu para o que saía da casa era para facer as visitas no hospital. Cando empezou o tema do Covid tiven que empezar a ir soa ás consultas, por precaución basicamente. O persoal sanitario comezou tamén a levar mascarillas. Nese periodo fixen unhas tres visitas, porque ademais é cando máis vas, antes de dar a luz.
-A inquedanza pola cercanía do parto incrementouse, quizás, máis nesta situación extraordinaria?
-Si, era todo novo. Ao principio estaba máis preocupada polo tema da enfermidade en si, se lla podería pasar ao neno se eu a tiña, porque non había moita información sobre as embarazadas e ainda hoxe en día é contraditoria. O que non quería por nada do mundo era contaxiarme, basicamente polo neno. Todo iso si que xenera un pouco de ansiedade.
-Artai foi nacer nun momento histórico. Dirallo cando medre.
-(Sorrí) Si, explícollo sempre á xente pero el seguramente non lle dará tanta importancia...
-Como foi o momento do parto, sobre todo coas medidas hospitalarias que hai agora?
-No paritorio foi todo, supoño, normal, excepto que tiven que parir con mascarilla. A parella puido entrar comigo, acompañándome con todo momento. O pai, tamén con mascarilla.
-E como o levou á hora de poder respirar, se foi parto natural?
-Si, foi parto natural. Faise un pouco dicífil para respirar. Cando o pensaba días antes, porque me avisaron xa que ía a ser parto con mascarilla, dixenme ‘vou poñela e ensaiar na casa’... pero xa no parto, a verdade, dáche igual. Estás incómoda pero dáche igual.
-E despois, xa na habitación, nada de visitas, cando en situacións normais ás veces é ao revés, que veñen demasiadas...
-Date de conta de que din a luz a mañá dun sábado, imaxina... O que me fastidia é non ter as visitas de miña nai e dos avós. Sinceramente. Das outras visitas si que safei (ri).
-E na casa outro tanto do mesmo!
-Estamos os dous sós... quero dicir, os tres!
«Explícolle á xente que a Artai voulle dicir que naceu nun momento histórico e seguro que el non lle da importancia»
«Ten de positivo non recibir tantas visitas pero de negativo pola familia e os avós»
-E como puideron ver os avós ao seu neto Artai?
-Cando volvimos xa do hospital de paso que iamos para a casa, claro, sen tocalo nin nada. Para eles tamén está sendo difícil. Meus sogros teñen máis netos pero para meus pais Artai é o seu primeiro neto.
-Dálle moita pena?
-Si.
-E sen saber cando podemos recuperar certa «normalidade».
-Penso que vai para largo. Xa cando digan de poder saír á rúa eu teño medo polo neno igual porque non ten defensas ningunha... bueno, doulle a teta. Pero quero dicir que aos bebés sempre a xente os tocan e queren achuchalos e iso paréceme perigoso.
-Artai tampouco veu moito a rúa, o mundo, so cando foi do hospital á casa, pouco máis.
-Cando tivemos que ir os dous a rexistralo e hoxe [por onte] porque fomos ao pediatra porque eu non estou ainda para conducir nin para cargar pesos co carrito e acompañoume a miña parella, que esperou no coche, de feito.
-El está sano, é o importante agora, pero botaría de menos vivir un dos momentos da vida dun pai ou nai doutra maneira...
-Si, pero como xa tiven 15 ou 20 días para habituarme a que ía ser así, mentalizarme e facerme á idea de que os avós non ían poder velo, de que iamos estar os tres sós na casa... Ten cousas positivas como o tema de recibir moitas visitas pero negativo pola familia máis cercana e os avós sobre todo... Dáme moita pena. Gustaríame dicir máis. Quero dar as grazas ao persoal sanitario do Hospital Público da Mariña.