O rei Midas do videoclip en Galicia exprime a intelixencia artificial nunha serie de animación

CERVO

Xaime Miranda, á dereita, na rodaxe dun videoclip
Xaime Miranda, á dereita, na rodaxe dun videoclip CEDIDA

«Os Metarquivos», creada polo cervense Xaime Miranda para a páxina web da TVG, estrearase nun futuro próximo

14 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Como demostran premios Mestre Mateo ou do Festival de Cans nas súas vitrinas e, sobre todo, innumerables encargas ano tras ano por parte de grupos e solistas galegos, o realizador cervense Xaime Miranda é o rei Midas do videoclip en Galicia. Pero o mariñao non se estanca e segue a ampliar o seu universo creativo: a finais do pasado curso entregou á TVG a serie de animación «Os Metarquivos», na que exprime a tecnoloxía que din que cambiará as nosas vidas, a intelixencia artificial (IA).

Miranda explica que «Os Metarquivos» consta de dez capítulos de cinco minutos de duración, e pertence xa ao arquivo de contidos dixitais da web da Galega, que prevé estrear a producción nun futuro próximo. No tocante á intelixencia artificial, o realizador cervense explorou «principalmente as aplicacións que teñen que ver coa animación».

Expón o realizador mariñao que as ferramentas da intelixencia artificial permiten no audiovisual reducir os tempos de traballo, e que algunhas funcionan dun xeito máis automático e outras, máis complexas, permitindo maior liberdade aos creadores. «Nós usamos a rotoscopia, a técnica típica dos 70 e 80 que se trataba de gravar imaxe real e logo, fotograma a fotograma, ir debuxando por riba os personaxes», precisa.

Fotograma da serie
Fotograma da serie XAIME MIRANDA / TVG

Non é a primera vez que usa a rotoscopia, xa que a utilizou no videoclip de «Hollywood», de Carolina Rubirosa, pero desta volta botou man da intelixencia artificial para «automatizar partes do proceso arduas e que implicaban moito tempo e daquela moitos gastos, tendo en conta que a animación é moi cara. Se ti necesitas cen fotogramas e debuxas dez á man, a IA é capaz de encher os que faltan», afonda Miranda.

O director cervense xa usara a IA en videoclips para Ortiga & Pili Pampín —«O Galo»— e para o tamén mariñao Nuno Pico, Grande Amore —«Do meu corpo van nacer outros corpos»—.

«Ademais, fixemos debuxos e adestramos á IA para que debuxase puntualmente obxectos en función dos parámetros dados», remarca.

«Hai unha certa versatilidade sobre o que se pode facer. En todo o caso, nos preferimos manter un control creativo e que a IA sexa para nós unha ferramenta facilitadora de certas tarefas. E iso conleva actualizarse», explica, «porque os cambios van a moita velocidade».

Miranda cree que a IA é unha tecnoloxía que chegou para quedarse, especialmente na animación e no mundo dos efectos especiais no cinema. Tamén á hora de axudar a organizar guions, sendo capaz de sacar un listado de planos «bastante coherente». A última supervisión é do ser humano.

Sobre «Os Metarquivos», indica que nun lugar máis alá do tempo e do espazo, están almacenadas todas as historias do mundo, as que pasaron e a que están por pasar. Un narrador conta algúns deses contos. «Para concebir esa idea baseámonos en ‘Os arquivos do trasno’, de Otero Pedrayo, ou en ‘Cuentos desde la cripta’», sostén. Cada un dos capítulos está feito con técnicas de animación diferentes.

O 2024 preséntase apaixonante para Miranda: ademais de elaborar varios clips, prevé amosar a curta «O Neno e a Sombra», xa rematada, e «Hippocampus», feita con Nuno Pico, que se encargou do guion.