Pablo Fernández, excanteirán do Deportivo: «Intentaba pasar desapercibido, pero ao rodar o balón sentíame un máis»
CERVO
Compartiu vestiario e unha experiencia na Champions con estrelas como Valerón, Diego Tristán e Mauro Silva
03 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.No cervense Campo da Burra se forxou un dos maiores talentos do fútbol mariñán. Hai case un cuarto de século desde que o Celta e o Deportivo rivalizaron por fichar a un aínda xuvenil Pablo Fernández Segurado (Cervo, 1983). Recalou na Coruña, «motivado polo maior interese do Dépor e os meus estudos de ADE», botou raíces na cidade e converteuse nun dos poucos canteiráns que compartiron vivencias con figuras como Diego Tristán, Makaay, Mauro Silva e Valerón.
«Pasei catro anos no Fabril e estiven nun grupo de catro ou cinco xogadores que íamos adestrar con bastante frecuencia no primeiro equipo. Tamén estaban Álex Bergantiños e Carlos Pita, pero hai 20 anos xogar no Dépor era unha quimera para un canteirán. Viñan de gañar a Liga, de xogar as semifinais da Champions e era un plantel con 25 xogadores, case todos internacionais, máis outros nove ou dez cedidos por aí. Agora é máis fácil chegar, pero estou satisfeito por ter xogado algún amigable e incluso ir convocado a un partido de Champions», rememora un home que viu desde o banco un enfrontamento contra o Olimpiakós en Atenas.
«Intentaba pasar desapercibido, pero ao rodar o balón sentíame un máis», conta Fernández sobre as súas primeiras vivencias como fabrilista ao lado das históricas estrelas branquiazuis. «Intentaba estar no meu lugar, aprender deles e dar o 100 %. Adestrarían ao 60 %, pero para chegar a aquel ritmo tíñamos que estar a tope. Cando ía recibir, levantaba a cabeza, vía a Mauro Silva a 20 metros e, en canto controlaba, xa ma roubaba», conta un exfutbolista que, non obstante, gañouse o respecto no vestiario do club de Riazor.
«Había un nivel moi alto, pero era xente moi natural. Sempre me sentín acollido, dábanme consellos e respectábanme. Hai xogadores daquela época que quedaron a vivir na Coruña, atópoos pola rúa e aínda conversamos un rato», explica.
Lastrado por unha pubalxia
«Era un mediapunta dos que hoxe xa case non existen, cun físico xustiño, pero certa visión para prever un pouquiño antes onde ía a xogada e dar pases en vantaxe aos dianteiro. Como Valerón, pero a moito menos nivel», admite Pablo Fernández, que defendeu as cores do Laracha, Bergantiños, Cerceda e Montañeros tras saír do Deportivo. «No Monta vivín anos moi bonitos. Sendo un equipo de barrio, pasamos de Preferente a Segunda B e tiven de adestradores a José Ramón e Lemos, que entendían o fútbol dunha forma moi similar á miña», di das últimas experiencias dunha carreira que rematou aos 28 anos a causa dunha pubalxia.
«Padecín moito da pube. Desde os 22 anos conto cos dedos dunha man os partidos que xoguei ao 100 % e chegou un momento no que xa non me sentía cómodo a certo nivel nin me motivaba xogar máis abaixo», confesa un home que, ao botar a vista atrás, recoñece que quizais tería tomado outras decisións. «Deume pena non probar unha experiencia fóra de Galicia. Tampouco había a información que hai hoxe para coidar o físico, a alimentación... E encontrei un contexto máis difícil para os xogadores nacionais, coa Lei Bosman. Encima padecín moito de pubalxia», reflexiona.
«Para min xa foi un gran éxito chegar a estar no Cervo con ídolos como Abilio e meu irmán Roberto»
Pablo foi o menor dunha familia de tres irmáns futbolistas: «Na miña infancia en Cervo non había outro xogo que o fútbol. Non era como agora que os nenos xa se federan moi novos. Eu xogaba no Campo da Burra cos meus irmáns e outros nenos do pobo, e o meu primeiro equipo foi o do ANPA do colexio, que íamos xogar contra outras escolas». Xa en infantís comezou a competir na SD Cervo Sargadelos e formou parte dun inesquecible CD San Ciprián cadete: «Quedamos terceiros da División de Honor e gañamos ao Celta na Veiga. Aquela xeración tiña moito nivel».
Aínda máis cariño, quizais, garda da súa primeira experiencia sénior: «Para min xa foi un gran éxito chegar a xogar no Cervo con ídolos como Abilio, que pasou uns 20 anos no equipo, e meu irmán Roberto. Tiña 15 anos, saíume unha boa tempada en Primeira Rexional e chamoume o Viveiro, que naquel momento era un club de moito prestixio en Galicia, que agora tamén o ten, pero daquela era un habitual das fases de ascenso a Segunda B».
Ao club celeste chegou como reforzo do xuvenil, pero nin sequera debutou na liga. O seu sitio estivo nunha Terceira División onde pronto adquiriu un rol importante: «Fun titular e metín seis ou sete goles». O seu talento seduciu Dépor, que apostou forte por el e lle fixo un contrato por catro cursos.
«Nunha cidade como A Coruña, os nenos non poden xogar na rúa»
«O fútbol é un vicio do que non creo que sexa capaz de apartarme nunca», confesa un home que exerce agora de coordinador xeral no Atlético Coruña Montañeros herculino. «Pillámolo nun momento de crise económica e institucional galopante. Apenas lle quedaban catro ou cinco equipos en ligas locais e agora temos 18 conxuntos, moitos nas máximas categorías e un sénior loitando por subir a Terceira», detalla Fernández Segurado.
Precisamente na canteira do club medra o seu fillo, Mateo: «É prebenxamín. Alégrome de que faga un deporte de equipo, que outorga uns valores de compañeirismo e respecto aos árbitros, rivais e adestradores, pero non ten a mesma paixón que tíñamos os da miña xeración. Nunha cidade como A Coruña, os nenos non poden xogar na rúa, en pistas ou parques».