
Lembra que este verán, coa poboación do concello «triplicada, deuse a presenza de tan só dous facultativos, dun cadro de persoal de seis», e insta a crear a praza de enfermeiro en obstetricia e xinecoloxía
25 sep 2025 . Actualizado a las 10:20 h.O BNG de Foz presentará no pleno unha moción para que o Concello inste á Consellería de Sanidade a reforzar os servizos sanitarios no municipio e tamén no Hospital da Mariña. A iniciativa dos nacionalistas pasa porque a Xunta de Galicia «dote adecuadamente ao centro de saúde focense coa cobertura de todas as categorías profesionais; por crear unha praza de enfermeiro especialista en obstetricia e xinecoloxía, como xa foi solicitado en dous acordos plenarios previos; por repoñer a dobre cobertura do Técnico de Emerxencias Sanitarias (TES) no dispositivo do 061 con base no termo municipal; por solucionar as carencias do centro hospitalario e por recuperar a área sanitaria mariñá, con plena autonomía de funcionamento e responsabilidade na xestión da atención primaria».
O voceiro do Bloque focego, Francisco Xavier Fanego, salienta que a raíz da perda da área sanitaria «perdéronse as urxencias no centro de saúde de Foz e perpetrouse a perda do técnico de emerxencias sanitarias na ambulancia, caso único en todos os dispositivos do Sergas». Os nacionalistas amosáronse también críticos sobre a situación do consultorio no pasado verán.
«Coa poboación do Concello triplicada, deuse a presenza de tan só dous facultativos, dun cadro de persoal de seis, sen ningún tipo de explicación. Pero é que nos últimos oito anos non se realizou o reforzo de facultativo nin de enfermería para os visitantes de verán. Este ano, o Sergas innovou impoñendo unha hora e media en exclusiva aos desprazados na axenda habitual dos profesionais, que como xa dixemos non foron substituídos. As persoas diplomadas en enfermería sufriron as mesmas faltas de cobertura e o incremento da carga laboral, ao igual que o persoal administrativo e de servizos», apuntou Fanego, que subliñou que este tipo de situacións provocan atrasos na atención sanitaria «e o Sergas xa da por bos 15 días de agarda para unha visita en primaria».
A formación frentista lembra tamén que «nada se fixo para dotar de matrona ao centro de saúde de Foz, a pesar dos acordos unánimes do 2017 e do 2021 a instancias do noso partido».