Sonia Cancio e Derek Pérez son os dous aspirantes que defenderán as súas candidaturas nunha celebración que empezará a mediodía na Sala Bahía
08 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Proba de que o Entroido de Foz é máis que unha festa demóstrase con cada un dos actos que se celebran ao longo do ano fóra da época de Carnaval. Este sábado, 8 de novembro, a Sala Bahía acollerá a gala na que se elixirá á persoa que reinará no Entroido focense do 2026.
O Concello e O Noso Foz seguen paso a paso co procedemento regulado ao que concorreron dous aspirantes para ser rei ou raíña da festa de Don Carnal: Derek Pérez e Sonia Cancio. Un dos dous sucederá no cargo a Coral Rey Oliveros, elixida raíña do Carnaval 2025.
A gala de elección será unha gran festa aberta a todo o público, que xa comezará ás 12.00 horas cunha actividade infantil de maxia. A continuación actuará o dúo Venus e a partir das 14 horas os aspirantes defenderán a súa candidatura, explicándolle ao público as razóns que os levaron a presentarse e os motivos polos que queren reinar nesta celebración que é festa de interese turístico galego desde 2023.
Continuará a música e entre as 16.00 e as 17.00 horas terán lugar as votacións. Antes de que as 18 horas se desvele o nome do afortunado ou afortunada, Eventec animará a festa coa súa música.
Desfile
A persoa elixida na gala será a encargada, xunto ás súas damas ou acompañantes, de abrir o gran desfile que terá lugar o vindeiro 14 de febreiro. Pero antes desa data, será coroado ou coroada nunha cea que, de seguir coa tónica dos últimos anos, prevese novamente multitudinaria (1.450 anotados na na última edición). Esa cea será o vindeiro 31 de xaneiro, segundo confirman desde o Concello de Foz.
Hoxe haberá unha xornada de guateque e tamén a posibilidade de comer na Sala Bahía, á que se desprazará un servizo de comidas. Servirán polo ao ajillo, costela ao ajillo, chourizo á sidra e xamón cocido. O prezo da entrada para acceder á festa será de tres euros para os maiores de catorce anos.