Cunqueiro sempre

Armando Requeixo

MONDOÑEDO

Busto e imaxes de Cunqueiro, na casa-museo dedicada a el en Mondoñedo
Busto e imaxes de Cunqueiro, na casa-museo dedicada a el en Mondoñedo PEPA LOSADA

Rexina Vega recibirá hoxe a distinción como «Cunqueiriana de Honra»

04 mar 2021 . Actualizado a las 09:12 h.

Tal día coma hoxe, hai agora exactamente corenta anos, íasenos o grande Álvaro Cunqueiro. Estaba a piques de cumprir os setenta anos, o que, para as esperanzas medias de vida das que arestora gozamos, sería un pasamento abondo temperán. Mais o seu foi un tempo vital aproveitado coma poucos e, na historia da literatura galega, a súa figura é unha estrela que brilla con luz incomparable.

Cunqueiro, que nacera en Mondoñedo en 1911, foi poeta e articulista na Preguerra, novelista, dramaturgo, autor de versos e xornalista de profesión na Posguerra e aínda tivo vagar para converterse en gastrónomo de referencia e

autor das máis populares guías de viaxes pola nosa terra.

Finou en Vigo, naquel fatídico sábado do 28 de febreiro do 1981, e foi trasladado logo ao seu Mondoñedo natal, onde repousan os seus restos no Cemiterio Vello da cidade, nunha campa que garda o máis célebre dos epitafios galegos: “Eiquí xaz alguén que coa súa obra fixo que Galicia durase

mil primaveras máis”.

 

Primavera inmorredoira

E abofé que así é e que esa primavera inmorredoira segue entre nós.

Mentres les estas liñas, en Mondoñedo estamos a conmemorar a súa efeméride. E facémolo depositando flores diante da súa tumba, porque cremos,

coma el, que son certas esoutras palabras que tamén alí figuran insculpidas e que é unha gloria ser deste noso pobo e formar, coma el, parte da súa tribo: “Loubado seña Deus, que me permitiu facerme home neste grande reino que chamamos Galicia”.

 

Memoria do seu legado

Cumprimos, pois, coa manda da ofrenda floral. Mais tamén celebramos a memoria do seu legado coa entrega da distinción como Cunqueiriana de Honra á profesora Rexina Vega, grande estudosa da súa obra, quinta das

personalidades designadas con este honor que, antes dela, xa recoñeceu o labor doutros persoeiros como Darío Villanueva ou Víctor F. Freixanes.

Escribo estas palabras a poucas horas dese momento e sei, sen dúbida ningunha, que Rexina Vega nos agasallará con verbas en ardora, luz que iluminará todo o val da Mariña e que ficará para sempre aboiando no ar da antiga Vallibria.

A canda ela estarán todas as autoridades municipais, representantes da administración provincial e tamén autonómica e, xaora, tantiños mindonienses que a axudaremos no maratón de lectura pública que ha principiar coas

maxistrais maxinacións de El año del cometa.

 

Colección Selva de Esmelle

Á xornada ponlle o ramo a presentación da Arqueoloxía cunqueiriana de Abel Vigo García, doutor en Arqueoloxía e técnico de Cultura no Concello de Mondoñedo, unha nova entrega da Colección Selva de Esmelle, cadernos promovidos pola Casa-Museo Álvaro Cunqueiro que contan xa con outros títulos de César Cunqueiro (Cunqueiro e Lezama), Víctor F. Freixanes (Unha xigantesca primavera) e Miguel Somovilla (O labirinto do Imperio Secreto). Ao carón de Vigo García han estar o amentado César Cunqueiro, tamén el escritor e fillo do eximio mindoniense, Felipe Debasa, historiador e profesor da Universidade Rey Juan Carlos de Madrid, e servidor. Xuntos abraiarémonos

 

polos descubrimentos que confirman que o inmoble no que asenta a CMAC é, en realidade, unha vivenda milenaria, que ten as súas orixes na época tardorromana, como demostran os restos atopados durante as campañas de

escavación e restauración da casa, o que confirma que Cunqueiro foi o máis insigne dos fillos dunha estirpe que viviu no corazón mesmo dun val no que as

xentes levan vendo pasar os traballos e os días máis das mil primaveras das que el falou e que seguirán a facelo, de seguro, outro tanto tempo mercé á súa obra e á nosa memoria colectiva, que non o esquece corenta anos despois,

porque “soio volven os que recordan, compañeiros”.

* Armando Requeixo, crítico e escritor, é tamén coordinador de actividades e publicacións da Casa Museo de Álvaro Cunqueiro.