Elena Candia, candidata do PP á alcaldía de Lugo: «As prioridades que marca o goberno non coinciden coas da cidadanía»

MONDOÑEDO

A política asegura que percibe ganas de cambio entre os lucenses
18 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Elena Candia (Mondoñedo, 1978) pasa o día cun caderno na man no que vai anotando cantas peticións e suxestión lle fan os veciños de Lugo cos que se reúne. Dende que asumiu o reto de loitar pola alcaldía, a súa axenda é esgotadora. Tiña que pisar asfalto e a iso se dedicou.
—Que nota lle pon ao bipartito e ao último mandato?
—Suspende. Antes era unha opinión persoal, pero agora podo dicir que é unha opinión que me trasladan en todas as reunións que facemos. Hai apatía, abandono e falta de empatía co que necesita a xente, viven afastados dos problemas que teñen os lucenses hoxe en día.
—Cal é o maior déficit que detectou neste tempo?
—Os veciños consideran o Concello moi lonxe porque cada vez que os cidadáns reclaman algo, ou non teñen contestación, ou non os reciben ou non lles resolven. A planificación dos recursos, con cifras millonarias, non se orientou ás prioridades que teñen os veciños. Por exemplo, no rural non se entende que sigan sen servizos básicos como o abastecemento no 2023. As prioridades que marca o goberno non coinciden coas da cidadanía. Cando les que Rubén Arroxo di que non hai problemas de tráfico na cidade, iso demostra falta de coñecemento tamén da poboación, porque un quilómetro para un maior non é o mesmo que para un de 16 anos. Creo que falan para si mesmos, con moi pouca escoita activa.
—E houbo algo que o bipartito fixera ben?
—A peonalización da zona da Mosqueira gustoume, o Caudal Fest é un evento cultural e musical que repercute positivamente na cidade, ao Arde Lucus fíxoselle promoción que lle permitiu ser máis coñecido. Pero o fundamental, a asistencia ás persoas, aos maiores, a axuda no fogar... A cada problema, en vez de buscarlle unha solución, buscan a quen botarlle a culpa, ben entre eles, que non hai un entendemento óptimo; ou ben a outras administracións como a Xunta, que é o inimigo a bater. Todo isto acaba distorsionando o funcionamento da administración, que servizos que debían funcionar ben tampouco o fan. Vimos dunha reunión con representantes dos traballadores, son 660 familias e reafirmaban que hai un nulo diálogo social. Parece que do Partido Socialista caeu o de Obrero e coa complicidade doutro partido que tamén se autoproclama defensor dos dereitos dos traballadores. Non son actuacións do calado dunha cidade que xestiona 118 millóns de euros, son actuacións de pinta e colorea.
—Xa manifestou que non estaba de acordo con proxectos como o carril bici, as caldas ou o Impulso Verde. Se chega á alcaldía, que fará con eses proxectos?
—O desenvolvemento sostible é algo que veu para quedarse e debe estar interiorizado en todas as políticas públicas. Agora ben, cústame defender que un exemplo de xestión sostible sexa o Impulso Verde ou un carril bici que desfixo a comodidade e seguridade dalgúns dos barrios, e non o sexa dotar de saneamento a todo o rural. Iso é un elemento clave para ter un desenvolvemento sostible, políticas que fago hoxe e non comprometen o de mañá. Un goberno local ten que poñer en marcha políticas públicas que respecten os obxectivos 2030 pero non podemos marcarnos retos de salvar o mundo cando non somos quen de resolver os problemas básicos. A nosa prioridade na acción de goberno ten que ser responder aos problemas básicos, dos que temos competencia directa.
—Acendería as caldas?
—Hai que analizalo. A idea orixinal, se puideramos ter un espazo con augas mineiro medicinais, sería un reclamo e un recurso para seguir posicionando Lugo como destino turístico, pero ese proxecto fisicamente pode ser aparentemente bonito, pero fáltalle o importante, as augas mineiro medicinais. Ogallá me equivoque, pero dubido que a xente se vaia poñer en roupa de baño en febreiro ou marzo para meterse nunha bañeira fóra. Supoño que hai que revisalo. Igual que teño clarísimo que modificaremos o trazado do carril bici, quero ser prudente no resto de proxectos. En política un xeito de traballar errado foi saír uns e entrar outros e todo o anterior está mal. Non creo niso, hai que optimizar os recursos, todo o que sexa aproveitable debe aproveitarse. Pero hai que ver o que gastan, sacarlle o proveito posible porque está feito.
—Que partes cambiaría do carril bici?
—Serán criterios estritamente de seguridade e logo hai determinados barrios, como A Residencia ou zonas na Milagrosa e O Carme, que hai que revisar si ou si. Non vai ser por capricho, vai ser por cuestións técnicas, de seguridade e de que che afecte á convivencia. A vontade é sacar o mellor proveito do que se investiu. Non veño a rebentar nada porque o fixeran outros.
—Cal é a súa proposta para o barrio do Carme, e con que ferramentas?
—Moitas humanizacións quitan a identidade propia do entorno, substitúen todo por formigón e por bancos sen respaldo. A intervención proxectada no Carme, ademais de non gustar, non resolve. Nós temos que fomentar a rehabilitación áxil dos inmobles que están en ruínas, e unha vez que estean rehabilitados, hai que conseguir que estean habitados, e pasa por aplicar todos os instrumentos da Lei de rehabilitación, por incentivos, por tramitación áxil e un plan de dinamización que permita reorientar esa área cara o que ti queres: turístico, propostas culturais... As áreas residenciais teñen por un lado a posibilidade de conseguir fondos e a declaración de áreas de rehabilitación integral, que son mecanismos que ten a propia normativa. De todas maneiras, moitas veces xustifican non ter un planeamento urbanístico como a razón para non facer nada. Unha modificación puntual de planeamento pode durar ano e medio ou dous, non xustifica unha inactividade de 24 anos. Só se esforzan en ver a quen lle poden botar a culpa, e despois queda así por tempos inmemoriais.
—O goberno local nega que poida bonificar o IBI ao rural de oficio. Que proposta ten para o imposto de plusvalía?
—Igual que o turismo é unha pata importante dun plan de dinamización que poida liderar o Concello para crear postos de traballo, o sector agroalimentario tamén o é. Lugo é un lugar idóneo, hai explotacións punteiras e empresas transformadoras, pero para iso tamén tes que ter instrumentos que permitan que as explotacións medren, que teñan licenza rápido e algún incentivo fiscal para, en vez de montalo en Castro de Rei ou Friol, o monten en Lugo. Nós propoñemos ter ese censo e ser unha administración colaboradora, tramitar e facilitar esas bonificacións para que sexa a administración a que tire, axude e ofreza, e o autónomo o tramite. A concelleira dixo que sobre 100 explotacións pediron as bonificacións, ben, pois eu pedín os datos do código de explotacións agrarias e pasa de 550, é dicir, algo falla. Os gandeiros trasládanme que hai que eliminar trámites burocráticos, en vez de ir Mahoma á montaña, que veña a montaña a Mahoma. En canto á plusvalía, onde estiven, saqueina porque é un imposto inxusto e obriga a tributar varias veces polo mesmo.
—Que medidas propón para a zona industrial?
—Ademais de demandar que completemos servizos de conciliación, porque non hai, tamén nos piden axilidade burocrática. E un incentivo é a bonificación nos tributos, como nos IBI, nos ICIO... demándannos continuar coa aposta do modelo das Gándaras. E tamén nos trasladan problemas de cousas que hai que arranxar como naves que queren outro uso, zonas fóra de ordenación.. Tamén nos trasladaban a necesidade de que o Concello se implique en plans de formación, escoitamos que hai sectores que non atopan traballadores, e para iso hai programas integrados de emprego.
—Critícanlle moito que siga como concelleira en Mondoñedo e vicepresidenta do Parlamento. Vostede que responde?
—Hai persoas que de determinadas cousas non poden dar leccións. Estamos con alguén que nas primeiras eleccións non se puido nin votar a si mesma. O que se me ten que esixir é o compromiso, e estoulle dedicando traballo e entrega, e iso non é cuestionable. Se o peor que poden dicir de min é iso... pois sinal, para min é un piropo. Tanto é así que as cousas que nós estamos facendo, fanas eles despois. A primeira reunión que tivemos foi na Milagrosa, e iso marcou o ritmo de reunións, e así, máis. O taxi a demanda do que fala del Rubén Arroxo. Os problemas de aparcadoiro identificámolos, e agora póñeno na súa axenda. Todo o equipo e eu estamos traballando con moito rigor e compromiso e creo que hai xente que non ten lexitimidade para cuestionalo, aínda que o respecto.
—Que lectura fai das enquisas?
—A min a única que me vale é a de maio, ante todo análise son moi prudente e humilde. É verdade que analizo a tendencia, e o importante é que dende hai un tempo a tendencia é á alza. A enquisa que me vale moito é a da rúa, e coinciden os números co que me traslada a xente, que está moi receptiva. Pero a mellor enquisa é o traballo, que é o que estamos facendo.
—Vese como alcaldesa de Lugo no mes de xuño?
—Neste momento temos moitas posibilidades, hai unha demanda de cambio moi importante, é incuestionable porque a xente dío abertamente, pero iso vano dicir os cidadáns. Por capacidade, ganas e ilusión, si se me vexo; anticipando o resultado, gústame ser prudente. Creo moito no traballo como mecanismo para dar os seus froitos.