Kubo, Olympus ou Budiño, atractivos musicais das San Lucas, as festas máis antigas de Galicia, que cumpren 867 anos
MONDOÑEDO
Os festexos regan a súa raíz gandeira coa baixada dos cabalos, con 500 équidos, e a feira de gando como eixos centrais do programa
22 sep 2023 . Actualizado a las 18:56 h.Entre o 17 e o 22 de outubro volverán As San Lucas, en Mondoñedo, que cumprirán neste 2023 nada menos que 867 anos. O programa das feiras e festas, as máis antigas de Galicia, foi presentado onte no pazo de San Marcos, a sé da Deputación de Lugo.
No acto interviron a deputada provincial de Cultura, Iria Castro, o deputado de Medio Rural, Daniel García, o presidente da organización, Miguel Paz, o concelleiro de Cultura de Mondoñedo, Alberto García, e participaron o xefe territorial da Consellería de Política Social e Xuventude, Javier Vázquez Nodal, e representantes da corporación municipal como o concelleiro Eloi Cabanas.
A baixada dos cabalos a Mondoñedo abrirá o programa, o día 17, coa chegada á catedral sobre as 18.45 horas. Cincocentos animais baixarán dos montes próximos ata a cidade, pasando por lugares emblemáticos como Os Muíños ou a Fonte Vella. Ao día seguinte, no campo feiral, celebrarase a feira tradicional de gando cabalar.
A entrega dos premios ás ganderías participantes (martes 18, ás 13.30 horas), a segunda edición do Concurso de Andadura de Cabalo Marchador Galego (martes 18, 16.30 horas), o espectáculo de doma nocturna, con especialistas internacionais (xoves 19 e venres 20, 21.00 horas) e exhibicións de doma e certames morfolóxicos e de andadura (21 e 22) completan unha ampla axenda arredor do cabalo. Castro reivindicou o compromiso da Vicepresidencia da Deputación -que apoia As San Lucas con 20.000 euros- «con citas coma esta que poñen en valor a tradición ligada ao rural e á gandería».
O programa inclúe verbenas todos os días. O martes 17 abrirán os festexos Aroma e Olympus, e o 18 será a quenda de Salsarena e os emblemáticos Los Satélites. O xoves 19, xornada na que se celebrará o Día do Neno, actuarán a charanga Santa Cecilia e máis Kubo. O 20 animarán o baile Cinema e o cantante canario Pepe Benavente. Ritmo Joven e Panamá tocarán o sábado 21. Ese mesmo día, haberá encontro folclórico e Budiño ofrecerá un concerto, ás 21.00 horas. Alkar, o domingo 22, pechará As San Lucas.