O IES Plurilingüe San Rosendo de Mondoñedo, referente na Mariña na especialización agroforestal da FP
MONDOÑEDO

A ampla oferta formativa de ciclos ofrece distintas saídas laborais
29 jun 2025 . Actualizado a las 10:24 h.O centro imparte formación relacionada co sector primario desde mediados do século XX, impartindo Ciclos Formativos de Formación Profesional, polo que conta cunhas instalacións punteiras para desenvolver a actividade profesionalizadora que ano a ano vanse mellorando.
Durante este curso púxose en marcha un espazo de tecnoloxía aplicada onde, ademais das actividades que se viñan desenvolvendo no laboratorio, incorporamos un dron para practicar distintas aplicacións no sector agroforestal, instrumental para poder continuar co proxecto de produción de cogomelos, dende a reprodución do inóculo ata o seu cultivo, asi como de apicultura, e outros para o secado e procesado de planta medicinal.
A oferta formativa está composta polos Ciclo Superiores de Xestión Forestal e do Medio Natural e o C.S de Paisaxismo e Medio Rural (en réxime modular a distancia); o Ciclo Medio de Aproveitamento e Conservación do Medio Natural (en réxime Dual intensivo), Ciclo Medio de Xardinaría e floraría (en réxime ordinario), e o Ciclo Básico de Agroxardinaría e Composicións Florais.

Estes ciclos abranguen distintas saídas laborais como motoserrista, intérprete ambiental, axente medioambiental, axente forestal, persoal de brigadas antiincendios, especialista no manexo de procesadoras e autocargadores, viveirista, florista ou xardineiro, entre outras. E para que a formación sexa de primeira calidade, conta con un simulador forestal Komatsu con asento integrado, o cal mostra de xeito virtual o entorno de aprendizaxe real.
Esta formación é a necesaria e fundamental para a formación de operadores de maquinaria forestal con autocargador e procesadora, unha ferramenta excelente para apoiar o progreso do alumnado na contorna do aprendizaxe, sendo un pulo importante á hora de proporcionar saídas profesionais ao alumnado. Os alumnos destes ciclos realizan prácticas no simulador durante todo o curso. O alumnado de Grao Medio ten unha formación específica de 70 horas de simulador, tendo unha formación de calidade.
Nos períodos de traballo e prácticas en empresas, o alumnado incorpórase á realidade empresarial tanto en empresas (viveiros, empresas de traballos forestais, consultoras, florarías...) coma en distintas administracións públicas (Consellería de medio rural e Consellería de medio ambiente, Concellos). Como novidade, neste curso 2024/25 entramos no programa Erasmus+, abrindo a posibilidade á realización de prácticas no estranxeiro.

Dende o IES existe interese pola vinculación co sector produtivo, tanto por entendermos que é necesaria para coñecer que demanda, no relativo á formación, o sector, como pola necesidade de estar actualizadas no referente a todas as novidades produtivas e mesmo por que este vínculo facilita a inserción laboral do alumnado. É por iso que, nas actividades complementarias procuramos a presencia do sector agroforestal da comarca. Como exemplos podemos citar distintas charlas relacionadas co emprendemento, nas que contamos con persoas emprendedoras da comarca e persoal de asociacións. Tamén nesta liña queremos poñer a disposición de todas as persoas interesadas as experiencias que desenvolvemos no IES, é por iso que durante o curso realizamos distintas actividades:
- Obradoiros de plantas medicinais: Co obxectivo de divulgar a importancia da flora silvestre que nos rodea e permitir que o noso alumnado practique as súas destrezas de divulgación ambiental, realizamos un obradoiro no que se afondou nos usos medicinais de plantas silvestres.
- Obradoiro de plantas silvestres comestibles: Seguindo coa liña comenzada no de plantas medicinais realizamos unha nova xornada, esta vez destinada a usos comestibles das plantas silvestres da contorna. Como no caso anterior o obradoiro estivo impartido polo alumnado de 1o de C.S de Xestión Forestal e do Medio Natural. Aproveitamos a xornada para realizar una recollida de saberes, coa que pretendemos continuar en vindeiros cursos e, que permite o intercambio de coñecementos entre todas as persoas participantes.
- Obradoiro de reprodución e cultivo de cogomelos: Para divulgar os coñecementos adquiridos nos proxectos de formación neste ámbito no que participamos, este ano demos un pasiño máis, concretamente co PFFP “Mellora de plantas forestais con fungos”. Se xa conseguiramos inocular e producir micelio de Shitake, agora queremos micorrizar as árbores da Granxa, e para iso estamos a desenvolver un Proxecto de Formación Profesional sobre como poder inocular fungos en planta adulta e, deste xeito, obter algúns dos saborosos cogomelos como Boletus, Níscalos....
Tamén pensamos na importancia de compartir experiencias con outras formacións profesionais, polo que participamos na Feira Innova 2025 da Cidade da Cultura e na Feira de FP de Lugo. Por outra banda, a formación que se imparte ten unha gran compoñente medioambiental, é por iso que levamos varios cursos participando no Programa Voz Natura, este curso destinado ao coidado da biodiversidade, encaixando aquí múltiples iniciativas que levamos a cabo no centro: instalación e seguimento de caixas niño, charlas sobre especies emblemáticas dos nosos ecosistemas como o lobo, obradoiros sobre invasoras e deseño dun roteiro interpretado polo centro no que se explica a biodiversidade botánica e a súa importancia.
No eido da conservación medioambiental, levamos varios cursos participando no “Proxecto ríos”. Xa que os ecosistemas fluviais son moi valiosos non so polos servizos ecosistémicos que proporcionan, senón tamén por ser imprescindibles para a conservación de especies de flora e fauna. Con esta actividade pretendemos concienciar ao alumnado destes valores e tamén permitirlles practicar labores de inspección ambiental..
Alén disto, alumnado e profesorado participan en visitas formativas a viveiros forestais e ornamentais, repoboacións forestais, áreas verdes, parques naturais, instalacións contra incendios,..... Neste ano salientamos a Estadía e traballos no Parque Nacional das Illas Atlánticas, na que o alumnado viviu unha experiencia inesquecible realizando prácticas no impresionante Parque Nacional. Durante a súa estadía nas illas Cíes, estiveron acompañados polo persoal do parque nacional, polos seus profesores e, por suposto, pola marabillosa natureza insular que os rodeaba. Unha oportunidade única para conectar co medio ambiente e aprender del, no seu estado máis puro.
A partires desta experiencia e de todo o que aprendemos nas Illas Cíes, estamos elaborando un caderno de campo. Deixámosvos unha pequena mostra. Son algúns dos debuxos realizados pola nosa alumna do Ciclo medio de Aproveitamentos forestais Amanda Olmo Chao.
Todas estas actividades, proxectos e experiencias completan unha formación que permite ao noso alumnado ter uns coñecementos e capacidades para desenvolver a súa actividade profesional con compromiso, eficacia e responsabilidade.