Medio Rural da Deputación reserva 385.000 euros para axudas á gandería extensiva

La Voz

MONDOÑEDO

Visita de Daniel García á gandería Celtagal, en Mondoñedo
Visita de Daniel García á gandería Celtagal, en Mondoñedo CEDIDA

O deputado Daniel García presentou en Mondoñedo ante os propietarios das explotacións o programa «O que non arde»

19 sep 2025 . Actualizado a las 20:19 h.

A Vicepresidencia da Deputación presentou onte en Mondoñedo ás explotacións da Mariña lucense o programa de axudas á gandería extensiva «O que non arde», que promove a área de Medio Rural.

O persoal técnico detallou os requerimentos e a documentación necesarias para solicitar as subvencións, que se dirixen a ganderías con ovino, caprino, porcino ou cabalar, e que están destinadas a financiar investimentos e gastos relacionados co manexo do gando en extensivo.

O deputado de Medio Rural, Daniel García, apuntou que nesta sexta edición da convocatoria de axudas «amplíase a contía para financiar elementos custosos, como os colares intelixentes ou os pasos canadenses, que este ano poden solicitar por primeira vez tamén as ganderías de cabalar, unha cabana gandeira moi relevante do interior da Mariña».

A convocatoria, aberta ata o 29 de setembro, ten unha partida de 385.000 euros. As axudas, en réxime de concorrencia competitiva, poderán chegar a un máximo de 6.000 euros ou 12.000, no caso das solicitudes que inclúan pasos canadenses ou colares intelixentes. Contémplase a subvención da compra de pastores eléctricos ou accesorios para o seu funcionamento, a compra e o mantemento de valados fixos electrificados, ou poderanse financiar gastos complementarios como rozas puntuais para instalar sistemas de protección ou a suscrición a aplicacións de monitorización intelixente.

Tralo encontro informativo, García visitou a gandería de porco celta Celtagal e a explotación de vacún Xan das Bouzas, beneficiarias das axudas no 2024.