
Mel do Val obtivo a prata coa súa variedade de queiroga e Mel de Modeiras, o ouro na categoría de multifloral
17 dic 2023 . Actualizado a las 12:52 h.A calidade do mel do Val do Ouro non entende de crise. Pese a que a colleita foi este ano menor a causa da seca e do impacto da velutina, os produtores do Valadouro e Alfoz seguen a colleitar premios. Dúas marcas, Mel do Val e Mel de Modeiras, volveron con cadanseu galardón do concurso Meles Cinco Estrelas, que convoca cada ano a Asociación Galega de Apicultura (Aga).
Mel do Val, marca detrás da que está o valadourense Iago Fernández Pena, fíxose coa medalla de prata na categoría de mel de queiroga, só por detrás de Casa Príncipe (Navia de Suarna). O bronce foi para Andrés Pérez, de Cedeira. Fernández recibiu o premio de David Abalo, xefe de cociña de La Radio, de Pepe Solla.
Co ouro na categoría de multifloral fíxose Mel de Modeiras, detrás da que está Cristina Rubiños Aguirre. A prata neste concurso foi para Manuel Casal (Santiago), e o bronce para O Mel de Brea (A Estrada).
Cada ano, o mel do Val do Ouro segue a afirmarse entre a produción galega. Recentemente, O Poder das Flores acadou dous premios nos galardóns autonómicos da Cata dos Meles de Galicia.