Jesús Novo, o alcalde máis veterano na Mariña: «Sigo buscándolle sitio ao cadro novo do Rei no meu despacho»
O VICEDO
Suma 23 anos como rexedor local en O Vicedo e lembra o seu primeiro día, «cunha manifestación de veciños» pechando a etapa municipal de Prado Villapol
13 nov 2024 . Actualizado a las 09:07 h.No Occidente de Asturias o alcalde que máis tempo leva á fronte dun municipio é o de Boal, José Antonio Barrientos, mentres que na Mariña de Lugo o máis veterano é Jesús Novo, dende o Vicedo. Suma 23 anos na alcaldía.
—Canto cambiou o mundo en 23 anos, e a forma de gobernar un concello tamén. Pensando soamente nas novas tecnoloxías, que tal se adaptou?
—Cambiou en todos os sentidos, empezando polo tecnolóxico. Date de conta de que hai 23 anos non existían, ainda que había os correos electrónicos, esas comunicacións oficiais, como o rexistro electrónico, xa que había que vir ao concello a meter un papel polo rexistro, cando agora o metes dende calquer lugar onde esteas. Pero, por outro lado, creo que había outro tipo de comunicación co veciño, que viña moito máis ao concello. Agora coas redes sociais... Hai que partir da base de que non son en absoluto partidario delas, no sentido en que se están usando de moi mala maneira.
«Creo que antes había outro tipo de comunicación co veciño, que viña moito máis ao concello»
—Fala dos haters.
—Si, para crítica. Xa vemos como se usan, en moitos casos para falar mal doutras personas ou incluso para falar dunha persoa á que non lle falarían así se a viran directamente.
—Poñen moi verde ao alcalde do Vicedo nos comentarios?
—Por suposto, pero póñenme máis verde nas redes sociais que no pleno. Eu non teño personalmente, pero si que o partido ten redes sociais. Nunca contesto nada que me digan por redes sociais porque considero que, se alguén me quere dicir algo, eu estou na Casa do Concello todos os días e pode vir alí dicirmo, á cara. Despois, cambiaron máis cousas co tempo, como a forma de traballar. É certo que neste momento os concellos temos moitas máis competencias que tiñamos fai 23 anos, en case todo: educación, sanidade (non poidemos traspasar o centro de saúde á Xunta), atención aos maiores, etc... É dicir, estamos tendo unhas cargas maiores que tiñamos antes e, practicamente, co mesmo diñeiro. É certo que tamén hai máis subvencións para obras ou para dependencia en servizos sociais, pero temos moita máis carga na atención ao veciño que tiñamos.
—Se viaxamos no tempo, lembra o primeiro día que entrou na Casa do Concello como alcalde?
—Si, acordo perfectamente. Entrei porque substituín a Prado Villapol, que era o alcalde que tiñamos naquel momento.
«Unha das cousas das que me sinto orgulloso é que en menos dun ano a crispación terminou»
—Foi unha substitución complexa, polos asuntos xudiciais daquela.
—Efectivamente. O día que tomei posesión incluso había fóra unha manifestación de veciños. Digamos que empecei o tema curtido. Tamén é verdade que naquel momento había unha crispación enorme. Con dicirche que se presentaron dous partidos independientes, o PP e o PSOE, creo que tamén o Bloque, e case non había xente no Vicedo para formar parte das candidaturas, porque había un montón delas. Había moita crispación polo tema de Prado Villapol, xente que quería gobernar... Xuntouse todo. A crispación era tal que, incluso, había irmáns que non se falaban entre eles por culpa da política. Mira a que extremos chegou! Unha das cousas das que me sinto orgulloso é que, naquel momento, en menos dun ano, esa crispación terminou. Todo eu ao seu cauce. Cando nos presentamos cinco lexislaturas e gañamos por maioría absoluta, eu e os meus compañeiros, cinco veces, será porque a maioría da xente pensa que o estamos facendo ben, senón non votarían. O que ten de bo nas eleccións un Concello é que son os veciños os que elixen e iso é o importante. Pero a política tamén ten a súa parte desagradecida, cando non consigues algo e se cabrean contigo. Explico doutra maneira para que non haxa equívocos: unha boa circunvalación si que era importante para O Vicedo. Que necesita Vicedo? Unha boa carretera para chegar o antes posible ao hospital, pero como cren que eres ti quen lle expropias o seu monte algúns prefiren non facela. Hai incongruencias difíciles. Teño ido falar con propietarios de terreos para que deixaran coller un metro para asfaltar un camiño e facer un acceso á súa vivenda e non deixar nin medio metro. Ten pasado.
«Unha das cousas das que me sinto orgulloso é que, naquel momento, en menos dun ano, esa crispación terminou»
—Algunha anécdota simpática relacionada coa alcaldía?
—Concretamente, disto que estou a falar, unha señora que me quería dar co fouciño porque dicía que lle ía coller medio metro. Teño moitas máis. En todos estos anos, as veces que vas polas casas ou nas eleccións pedindo o voto, algunhas hai.
—Neses percorridos foi a algunha casa e non recoñeceron o alcalde?
—Non. De 12 ou 15 anos para arriba, creo que me coñecen todos. A veces tamén vou ao colexio, co que hainos de 4 ou 5 anos que tamén me coñecen.
—Quizás está entre eles o futuro alcalde de O Vicedo...
—A min gústame moito ir ao Punto de Atención á Infancia (PAI). Sempre me gustaron os nenos pequenos, de 0 a 3 anos, que son os máis graciosos cando empezan a falar.
—Algunha pregunta comprometedora?
—Si, pídenme cousas como a pista de pádel, que agora xa temos no Folgueiro, ou que se arranxe no centro escolar algo. De feito, dúas ou tres veces mínimo viñeron os nenos do colexio ao salón de plenos e entrevisteime con eles. Todos os anos nos vemos na Romaxe Vikinga, vindo o colexio á Casa da Cultura onde lles dou os premios dos debuxos.
—Descríbame o seu despacho.
—A miña mesa está chea de papeles. Desorganizada si, pero eu sei onde están, que é o tema [ri]. Vou poñendo montóns. De vez en cando limpo pero teño moitos, porque accedo ao rexistro todos os días pero sempre pido copia de temas que entran e vou gardando. Tamén teño as bandeiras correspondentes e un cuadro que ainda non colguei porque o cambiei de sitio, un novo do Rei. Hai anos que o teño. No salón de plenos é obligatorio e aí si que o temos colgado. No despacho non está colgado porque xusto detrás miña hai unha ventana e tería que colgalo enfrente, e non cadra nada ben. Sigo buscándolle sitio...
—En algún momento se lle subeu á cabeza o poder municipal?
—Algúns poden dicir que si. Eu digo que non. Teño unha relación cos veciños e teño amigos dentro dos veciños. Sei, seguro, que no momento en que deixe de ser alcalde, algúns non van ser tan amigos. Esa pregunta ao mellor lla hai que facer a outra xente.
—Mentres poda, seguirá?
—Quero terminar esta lexislatura. Estoume planteando se seguir ou non. Aparte, levo 9 anos xubilado porque tiven barcos de pesca e coticei polo mar, co cal xubileime aos 56 anos. Agora teño 65 anos. Vai sendo boa idade.