AlasRaíces organizará en Xerdiz, Ourol, un obradoiro de elaboración de queixo o 8 de marzo

OUROL

O proxecto de dinamización rural integral ofrecerá diferentes concertos nos próximos meses
26 feb 2025 . Actualizado a las 10:43 h.AlasRaíces, o proxecto de dinamización rural integral constituído en Xerdiz, Ourol, ofrecerá o próximo 8 de marzo un obradoiro de elaboración de queixo. Os participantes terán a oportunidade de «coñecer os principios básicos da inxeniería queixeira e aprenderán os segredos para elaborar un queixo caseiro delicioso», destacan os promotores da iniciativa. E engaden: «Elaborarás o teu propio queixo, que poderás levar para a casa!». O obradoiro terá lugar de 17.00 a 19.00 horas, e será impartido por profesionais de Queixería Bisqato, un negocio artesán do lugar de Xirós, Labrada, no municipio lucense Guitiriz. O investimento é de 40 euros e inclúe todo o material. Reservan xa no 627 493 252.
Co fin de continuar a crear espazos de encontro interxeneracionais e interculturais na aldea, nos vindeiros meses AlasRaíces ofrecerá unha programación «diversa e emocionante», con concertos de música galega, jazz, rap ou instrumental. O aforo é limitado, polo que hai que reservar praza no 627 493 252. A entrada será en taquilla inversa.
Logo do concerto de música hispanoamericana que brindaron o pasado sábado Dayamí Anduk e Daniel Adzemian, o 19 de abril actuará Sheila Patricia (música galega). O 24 de maio ás 20.00 horas, a música arxentina sonará en AlasRaíces da man de Victoria Brichner & Leo Andersen. O 14 de xuño actuará o bandoneonista arxentino Damián Prieto, mentres que o 5 de xullo haberá rap galego con Habló Pablo. Durante o verán, en datas aínda por confirmar, tamén darán concertos na lareira Alejandro y María Laura (dúo peruano de música indie folk) e María Toro e Xan Campos (flauta e piano jazz).