Un corazón transplantado coroa oito tresmiles nos Pirineos en 48 horas

OUROL

O ourolense Santi Chao completou outro duro reto para promover a doazón de órganos

14 oct 2025 . Actualizado a las 12:45 h.

Porque pode, porque o goza e para demostrar que a solidariedade dos doantes permite retomar vidas plenas de acción e emocións. Por iso continúa Santiago López Chao (Ourol, 1972) loitando polas causas que cre máis xustas e dando exemplo desde hábitos saudables. 24 anos despois do transplante de corazón que o viu nacer de novo tras un grave accidente de moto, vén de completar outro notable desafío: coroar oito cumios de 3.000 metros nos Pirineos en menos de 48 horas.

«Vivo no monte e subir montañas sempre foi unha cousa que me chamou a atención. Fixera algunhas antes e, tras ver un rapaz que fixo 20 tresmiles en 17 horas, animeime», apunta un mariñán que partiu o pasado xoves cara o Parque Nacional Posets Maladeta, en Huesca, para comezar na mañá do venres as súas 48 horas de desafío, acompañado do seu amigo Xosé Lois Iglesias. Máis tarde uniuse a eles Emma Morán e o seu áxil can Mogli.

«Tras falarlle por Instagram ao rapaz que completou este reto, descartei os cinco picos máis complexos en canto a material técnico de escalada», explica Chao dunha aventura que finalmente lle permitiu acadar oito cumios e viviu en réxime de autosuficiencia e pasando as noites en refuxios que xa tiñan reservados. «Levábamos todo enriba, incluso, no meu caso, auga, porque non podo bebela de calquera lado e prefiro levala embotellada», conta duns 35 quilómetros de trekking cuns 3.000 metros de subida e outros tantos de baixada. «Na bicicleta os de baixada son un descanso, pero indo a pé tamén penalizan moito», reflexiona Santi Chao.

«Saímos ás 8.30 da mañá dende a ponte de Literola, a 1.700 metros», relata dunha «complicada subida polas pedras» que os levou aos 3.170 metros do Hito Oriental Perdiguero. O Pico Perdiguero, a 3.222, «o gran obxectivo da ruta», foi o seu seguinte fito. Tuca de Literola, Pico Royo, Punta de Literola e Aguja de Literola tamén viron pasar a Chao e os seus compañeiros tras pasos «non perigosos, pero que tiñan unha exposición relativamente alta e había que facelos con coidado».

«Moi cansos, tras 14 quilómetros e case 2.000 metros», baixaron a un refuxio preto das sete e media da tarde. «Por sorte tivemos bo tempo, pero a semana anterior nevara e aínda quedaba neve», detalla Chao. O sábado avanzaron pola Senda Minera e chegaron ao Pico Spijeoles e despois ao Pico Gourdon. Tras baixalo, deron por rematado o reto «rebentados, pero felices cos meus 8x3.000», subliña Santi.

Abandeirado da Asocación Galega de Deportistas Transplantados (Detradi), Chao xa pensa no seu seguinte reto: «Quero rodear Galicia en bici».