![Antonio Veiga mantivo unha reunión onte á noite en Burela con representantes de clubes e asociacións deportivas da Mariña.](https://img.lavdg.com/sc/Bp0zzYMkJfp9CIBRrhpgawpO7EQ=/480x/2015/03/06/0012_201503X6C10F1jpg/Foto/X6C10F1.jpg)
Lembrábao onte á noite o nacionalista Antonio Veiga, responsable da área de Deportes na Deputación, á súa vez vicepresidente primeiro, na reunión que mantivo en Burela con representantes dos clubes e das asociacións deportivas da Mariña: «Nunca ninguén apoiou tanto ao deporte da comarca como nos últimos anos desde a Vicepresidencia da Deputación».
Foron máis de 4 millóns de euros o investido no deporte da Mariña nesta lexislatura desde Vicepresidencia, «tanto en mellora de instalacións deportivas como en axudas a clubes tanto de base como de elite». 630.000 euros de axudas neste 2015.
Na reunión de onte en Burela Antonio Veiga informou a preto dun cento de asistentes sobre as liñas de axuda deste ano.
O prazo -lembramos- para solicitar estas axudas ao deporte remata o vindeiro luns, día 9.
Antonio Veiga detallou algúns dos importantes investimentos en instalacións deportivas realizados pola área de Deportes, coma os 2,5 millóns no novo pavillón de Ribadeo; 60.000 euros na pista de andadura do Valadouro; 45.000 euros na mellora do campo do Iberia; 100.000 euros que irán destinados á mellora do Club Kayak de Foz; 45.000 euros para o campo de fútbol Martínez Otero ou os 20.000 euros para renovar o céspede do campo de fútbol do Valadouro, «ademáis doutros moitos investimentos de menor cuantía destinados a obras de mantemento de distintas instalacións públicas da comarca». Veiga criticou, pola contra, «os recortes da Xunta no eido tamén do deporte».