O Tesón ofrece indicacións para observar o sol este venres sen riscos
19 mar 2015 . Actualizado a las 00:22 h.Este venres na Mariña, seguro, tamén causará expectación o eclipse solar parcial previsto para ese día, aínda que todo depende de que o ceo permita ou non observalo ben. Máis aló de dificultades climatolóxicas, na Asociación de Veciños O Tesón de Ribadeo contan co seu secretario, Antonio Gregorio Montes, para explicar como deberiamos mirar ao astro rei nesa xornada sen ter que lamentar consecuencias.
-Non será a fin do mundo...
-(ri) Non, por esta non...
-Noutros tempos un eclipse se entendía como aviso de traxedias.
-Máis que a fin do mundo o eclipse se asociaba a algún tipo de catástrofe concreta. De feito, cando a invasión de Inglaterra polos normandos foi facilitada precisamente por un cometa.
-A ver como ven o día...
-Esa é outra, porque en principio dan chuvias pero con nordés é probable que, senón todo o eclipse, entre unha e outra nube, ao mellor se poda ver algo.
-¿Como deberiamos miralo?
-Vou falar de como ver o eclipse, como se espera que sexa aquí, que será un eclipse máis curto, e precaucións, o máis imporante.
-Precaucións, ¿por que?
-Porque se se nos fastidia a vista, o próximo eclipse seguramente xa non o veremos. De calquera xeito é interesante ter unha hixiene de visión e se non a temos iso pode traer consecuencias. Hai formas de mirar o eclipse que son seguras. A máis sinxela é coller un espello e proxectar sobre unha parede a imaxe do sol. Pódese axustar, escoller unha parede canto máis lisa e branca mellor e isto simplemente permite facer experiencias cun material que todo o mundo ten na casa e de xeito seguro. Aos meus alumnos lles digo que se teñen unha ventá que dé cara ao sol, poden ver o eclipse proxectado no teito e tumbados na cama, pero ten que estar ben orientada a habitación.
-¿As gafas de sol valen de algo?
-Non. O único, que se mire con filtros de soldadura e depende de como estea o día pero podía valer un filtro de graduación 14. É aproximado porque o día pode ser máis claro ou escuro e pode haber que baixar ou subir algún número. É unha orientación.
-Noutras ocasións as mellores visións soen ser noutras latitudes.
-En Galicia creo que hai dez anos houbo un eclipse de sol que, se mal non recordo, foi total. Este vai ser parcial. Aos meus alumnos, se está cuberto, lles digo que tomen igualmente nota do que ven, que miren a luminosidade.
A charla será hoxe, ás 20.00, na Casa das Letras de Ribadeo. O momento máximo do eclipse do día 20 será ás 10.11 horas.
antonio gregorio montes da hoxe na casa das letras unha charla informativa