Adorno e sinxeleza en Ribadeo

Eduardo Gutiérrez, cronista oficial de Ribadeo CRONISTA OFICIAL DE RIBADEO

RIBADEO

PEPA LOSADA

09 mar 2020 . Actualizado a las 12:59 h.

Lin hai un tempo que uns afeizoados á opera laiábanse dunha certa postergación dos decorados construídos no seu día para a estrea de “Aida” de Verdi e solicitaban a súa conservación. Os telóns saíron a escena por primeira vez en 1912. Pesie ao tempo transcorrido o autor da reportaxe afirmaba que a creación seguía tendo o seu efecto alucinóxeno, ou enfeutizador e a esa maxia uníanse voces tan memorables na lembranza como a de María Callas e falaba dunhas atinadas perspectivas que axudaran a engaiolar ao público con grande entusiasmo, lonxe das ilusións virtuais alimentadas con tecnoloxías a base de vídeos dixitais.

A nós tróuxonos á mente, a pequena escala e a nivel local, o Coro Cantigas da Mariña que se estreou no Teatro de Ribadeo o 2 de setembro de 1924. O telón de fondo, que representaba unha paisaxe da Palmeira, en Ove, fora pintado polo histórico Camilo Díaz Baliño, pai de Isaac Díaz Pardo, e aínda que seria posible ilustrar por medios mecánicos esa ou outra paisaxe, resultaría difícil prescindir dos ecos e a calidade que recollería aquela pintura, e perante a cal dirixiu a agrupación o pintor Amando Suárez Couto, o seu fundador.

Do mesmo xeito serán moitas aquelas imposturas que quizais en exceso decoraban a igrexa parroquial, entre elas o enxebre comungatorio de mármore das Sasdónigas que como sólida varanda dáballe lustre á igrexa parroquial. E o mesmo coa minuciosa imitación dos arcos de cantaría tan ben acabados e que foron repintados coa cor dos barcos da Mariña de guerra. Ás veces unha limpeza a fondo evita a desfeita dos mais rechamantes elementos, particularmente os mais exóticos e a restitución dos elementos propios e enxebres serian dabondo para regresar ou aproximarse á fasquia orixinal. Sorprendentemente sendo a súa orixe abacial, non se colocaron no seu lugar os sitiais que por certo aínda se conservan.

Que conste que acabamos de tecer un par de superficialidades ao chou. É mais axeitado pensar o seguinte. A arte debe sobre todo enfeitizar a vida, facernos pois, tolerantes uns cos outros e tan agradables como sexa posible; con esta tarefa como fin, modéranos e sérvenos de freo, dá forma ás relacións sociais, impón a lei da convivencia, da propiedade, da cortesía a aqueles cuxa educación non está rematada, e ensínalles a falar e a calar no momento oportuno. Quizais sorprenda esta opinión que foi escrita por alguén como Nietzsche.

E rematemos para evitar posibles agravios. Sen cuestionar mais que en aspectos xerais as modificacións do templo de Santa María, do Campo ?antes San Francisco-, o proxecto de Nemesio Cobreros Cuevillas que practicamente ergueu unha nova igrexa, contou con importantes limitacións como a existencia na fronte da antiga capela da Orde Terceira que pouco mais era que un alboio, ademais de percurar un lugar axeitado para o reloxo e as campas, hoxe todo de estilo neogótico. Outra cuestión controvertida é a recente pintura exterior co engadido da cor púrpura tan eclesial aínda que semella mais axeitado para os pasos e os seus ornamentos. Sobre todo para a Semana Santa. No restante renxe un pouco, a non ser que se trate dunha incursión no surrealismo.