Falece Luz Pozo Garza aos 97 anos; nacida en Ribadeo e moi vinculada a Viveiro
RIBADEO
Autora de libros como «Códice Calixtino» e «Rosa tántrica», a ribadense foi unha voz de referencia para a poesía galega
20 abr 2020 . Actualizado a las 23:34 h.Tras 97 anos de vida e case setenta de literatura, esta madrugada enmudeceu a voz de Luz Pozo Garza. A escritora faleceu na Coruña, onde vivía dende había décadas. Nacida en 1922 en Ribadeo, na súa traxectoria cóntanse libros fundamentais para a poesía galega como Códice Calixtino. Outros títulos senlleiros na súa obra son Deter o día cunha flor e Rosa Tántrica. Tamén se achegou ao xénero do ensaio, con obras como Vida secreta de Rosalía, unha escritora fundamental na súa concepción lírica e coa que dialogou dende os seus versos.
A Real Academia Galega, á que pertencía a escritora dende 1950, cando entrou como membro correspondente, vén de comunicar o seu pesar polo pasamento de Luz Pozo. Desde 1996 era académica de número. «Se pecho os ollos e penso en Luz Pozo Garza penso nalgunha forma de luz. A súa presenza destilaba o mesmo que a súa poesía: delicadeza e verdade», afirmou Francisco Castro, director editorial de Galaxia.