Fernando Suárez: «Ribadeo é un imán, veuse en agosto, sorprendeume que viñera tanta xente»

j.a.q. RIBADEO / LA VOZ

RIBADEO

PEPA LOSADA

«Os tempos son difíciles, pero nunca choveu que non escampara»

07 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe é unha data que teñen marcada no calendario os ribadenses, o día de Os Fogos do Sete, a véspera do día da patroa, Santa María do Campo. Pero este ano non haberá fogos, nin festas, aínda que si algúns actos para conmemoralas, como a saída dos cocos de maña martes, que acudirán fieis á súa cita anual.

O coronavirus mudou todo e o seguirá facendo nos próximos meses, quizais anos. Toca a todos adaptarse ás novas circunstancias. Tamén ós concellos, como a administración máis próxima ó cidadán, obrigados a dar o mellor de si para responder ás emerxencias que xorden. A entrevista que o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, da con motivo das festas ten este ano ese obrigado carácter, falar do impacto do covid en Ribadeo, dado que a economía local é moi dependente do turismo, do sector servizos e do comercio.

-Está Ribadeo preparado para o que se vén enriba?

-Penso que ninguén o está, nin Ribadeo nin ninguén. O traballo máis intenso entendo que o está facendo o ámbito da ciencia, para atopar unha saída a isto, e entre tanto todos os demais, e en especial as administracións, temos que facer o que estea na nosa man pera evitar que a economía se derrube e que a sociedade se colapse.

-O estado de animo muda cos días, pero, é optimista?

-Os tempos son difíciles, pero non queda outra que traballar para saír adiante, Temos que ter ilusión, ser positivos e poñer ó mal tempo boa cara.

-A situación económica do Concello mellorou moito de Ribadeo. Está facendo bastante ou podería axudar máis ás empresas con máis axudas?

-Eu son o primeiro que se queixa deso. Dende o Concello estamos facendo o que está na nosa man, pero máis aló corresponde ó Estado e ás administracións autonómicas. Cando no tempo de peche obrigado non lle cobramos nin a auga, nin o lixo nin o saneamento ós comercios afectados, na factura víase que o único que se cobraba era o canon de saneamento da Xunta, que non o perdoou. Hai moita propaganda, demagoxia, vender fume, e pouco grao. Evidentemente, iso non resolve a crise mundial, pero volvendo ó tema do cabal, o que toca agora é afrontar o inverno e volcarse co sector servizos, co comercio, na medida que podamos, no que temos competencias.

-Falando de competencias do Concello. O mercado vai seguir no aparcamento municipal?

-Mentres non haxa unha cura para a pandemia, desde logo. Estará mentres haxa que manter a distancia de seguridade, e despois, xa se falará.

-Tendo en conta a dependencia da economía de Ribadeo dos servizos e do comercio, cos meses que veñen, teme que haxa moitas baixas?

-Nunca choveu que non escampara e faremos cambios normativos para prolongar medidas, como por exemplo, nas terrazas. Ribadeo foi un lugar atractivo e o segue sendo. Neste verán cando houbo confinamento, o peche, resentímonos moito, é certo, e houbo quen dicía que toda esa xente que antes viña por Ribadeo ía cambiar de hábitos. Pero non foi así. Ribadeo estivo cheo de xente en agosto, e tamén este fin de semana, xa en setembro. Ribadeo é un imán que vai seguir atraendo. Debemos traballar con ánimo de mellorar e iso ten que contar co concurso do Concello, pero tamén da Xunta e do Estado. E hasta agora sigo vendo moito fume. Poño a estrada dos Garitos paralela a Feve como exemplo, para a que nos ían axudar, pero xa temos os terreos e estamos esperando dende fai sete meses pola resposta.

-Sorprendeulle a cantidade de xente que houbo en Ribadeo en agosto?

-Sorprendeume como se volatilizou todo en xullo, en canto a Xunta mandou pechar A Mariña, e tamén, para ben, como canso pasou todo a xente volveu a Ribadeo. A xente sabe que aquí se fan as cousas o mellor posible, a hostalería, os servizos... e xeramos confianza, que é o que move o mundo.

«O plan de As Catedrais é fundamental na recuperación, non so de Ribadeo, senón da Mariña»

«O coronavirus parece acaparalo todo, pero en Ribadeo estes meses pasaron desapercibidas cousas relevantes. Por exemplo, trala permuta da Torre dos Moreno o proxecto de rehabilitación xa está case rematado e espero que nas próximas semanas nolo entreguen para que vaia a Patrimonio e poidan comezar a reparala. Tamén está o caso da aprobación definitiva do plan especial de protección da praia de As Catedrais. Agora, no verán, fomos a petar a todas as portas, e xa non hai escusas. Hai un plan serio enriba da mesa para facer cousas, que non se teñen que executar nun ano, pero si pouco a pouco, empezando xa. E quero ver que todo o que levo escoitado dende fai anos, agora se faga realidade. Porque ese plan é fundamental na recuperación non so de Ribadeo, senón de toda A Mariña, aínda que loxicamente imos facer todo o posible para que repercuta o máximo que se poda na economía de Ribadeo», sinalou Fernando Suárez.