Ribadeo terá unha pista multideporte para paliar a débeda coa mocidade

Ramón González Rey VIVEIRO LA VOZ

RIBADEO

O goberno local ribadense e a vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, na presentación do proxecto
O goberno local ribadense e a vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, na presentación do proxecto XAIME RAMALLAL

A Deputación porá 360.000 euros para a instalación e o Concello 40.000

03 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Ribadeo e a área de Deportes da Deputación de Lugo asinarán un convenio bianual por importe de 400.000 euros para a construción dunha pista multideporte na vila, unha instalación coa que goberno local e mailo provincial pretenden solventar a «carencia» de lugares públicos de ocio para a mocidade neste municipio.

A Deputación achegará 360.000 dos 400.000 euros que custará a construción, mentres que o restante investimento correrá a cargo do executivo municipal. O conxunto incluirá unha pista multideporte que permitirá a práctica do fútbol, do baloncesto e do voleibol, outra de skate e máis un circuíto de calistenia. «E todo isto complementado con dotacións para estar sentados, de tertulia, rodeados de árbores e con iluminación», concreta o goberno local.

Segundo concretou o executivo ribadense, o espazo de ocio ubicarase na mazá interior de titularidade municipal que está entre a Avenida de Galicia, a rúa Pintor Fierros e a vía Daniel Cortezón.

O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia, recoñeceu que o municipio «adoece desde sempre de lugares públicos para o lecer da xente moza. Hai pavillóns ou campos para o deporte regrado, pero non un lugar destinado a pasar un pedazo cos amigos xogando un partido, tirando canastras ou practicando skate». Deste xeito, agradeceu a achega da Deputación e salientou a «aposta firme» por ofrecer alternativas a unha poboación adolescente «á que lle estamos pedindo compromiso pero coa que tamén temos que comprometernos».

O deputado provincial de Deportes, Efrén Castro, remarcou que se trata dun proxecto «necesario» nun concello «moi dinámico» no tocante á práctica deportiva entre a xuventude, e tamén dunha dotación «moi acaída, ao ser ao aire libre, para os tempos da post-pandemia».