Rías como a de Ribadeo

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

RIBADEO

PEPA LOSADA

22 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O Instituto Xeográfico Nacional (IXN), nunha resolución contraria á historia, á xeografía e desamañada do sentido común da nomenclatura e da lóxica da convivencia, vén de ditaminar que á ría de Ribadeo tamén se lle vai chamar agora ría do Eo. Unha decisión que desatende documentadas argumentacións e que en vez de fundamentos razoados aporta os votos dunha comisión que atendeu reclamacións feitas dende o Parlamento de Oviedo co empuxe político de quen pensa máis en cismar que en convivir. Por mágoa, dende Galicia, Ribadeo non tivo o apoio que cumpriría por parte das máis altas instancias políticas do país, aínda que si de instancias académicas, culturais e universitarias que emitiron informes moi fundamentados. O asunto é simple: ningunha ría leva o nome dun río. Ata agora.

Todas as rías, como a de Ribadeo, levan o nome dunha vila que adoito é o porto máis importante. Ás veces hai dous, como no caso de Muros e Noia, que rivalizan por dar nome, outras como en Arousa, un topónimo asociado ás principais localidades logra identificar a toda a veciñanza. O nome pónselle dende fóra da ría, porque os ribeiraos en tempos chamáronlle simplemente ría para diferenciala do río e mais do mar. As rías son accidentes naturais, espazos xeográficos ben definidos e moi analizados e debatidos na tradición académica.

A nosa denominación vernácula, ría, responde a un nome que da lingua galega pasou a outras como o inglés, pola precisión para diferenciar o que non é unha baía, un esteiro, unha foz, nin tampouco un fiorde. A diferenza deste que é un antigo val glaciar en forma de u erguido en recentes movementos tectónicos, as rías son vales fluviais en forma de v afundidos (debátese se tamén erguidos). Por esta razón, e porque os nomes das rías foron asentándose ao longo dos últimos cinco séculos en cartas mariñas, nas que mandou moito o almirantado inglés e a cartografía francesa e alemá, a ninguén se lle ocorreu nunca chamar a unha ría polo nome do río, agás ao IXN.

Todas as razóns que aquí se poidan resumir son menos importantes que as históricas, avaladas por séculos de irmandade ribeirega, disputas incluídas, resoltas sen axentes externos, xaora. Todas as rías galegas e as do Cantábrico ou as novas denominacións do occidente irlandés levan o nome do porto. Agás licenza poética, non hai ría do Verdugo, senón de Vigo; nin do Landro, senón de Viveiro; de Navia, e non do Navia; non se lle chama do Sella, senón de Ribadesella; nin do Alvares, senón de Avilés; ría de Bilbao, e non do Nervión e o Ibaizabal.

Favorecer disputas veciñais en vez da convivencia é o contrario do que recomenda a ONU, que polo mesmo é taxativa na proposta de evitar varias denominacións diferentes para o mesmo lugar. Usar argumentos políticos non declarados en vez de xerarquizar a partir do coñecemento e as recomendacións é o que intenta facer o IXN. Pode que non se lle poida pedir máis a un organismo que non é académico nin universitario.