Este ribadense de 33 anos pasou de traballar nunha xestoría a exercer un oficio que non cambia «por nada»
24 jun 2023 . Actualizado a las 12:31 h.Cando rematou o traballo nunha xestoría, ao rinlego Eloy Marcos animáronno uns amigos a traballar como percebeiro. Hoxe, con 33 anos e seis nesta actividade, representa o relevo xeracional dun oficio do que non cansa.
—Como foi cambiar a oficina polo mar?
—Eu naquel momento non estaba a traballar e animáronme uns amigos: «Por que non probas? Co que che gusta o mar...». Crieime en Rinlo, ao pé da ribeira. É verdade que meus avós embarcaron no seu momento, pero non tiña ningún referente familiar que faenase a pé. Pero vin que había unha oportunidade para min. Ao principio estaba como un polbo nun garaxe (ri). É difícil comezar pero sempre tes alguén que che axuda. Todos os traballos son de facer caso a quen sabe, pero este máis. Non é algo que poidas aprender de xeito teórico, senón práctico.
—Como o tomaron na casa?
—Tiveron algo de medo, sempre pasa. É un traballo perigoso. Cando estás metido non o ves tanto así, pero é certo que desde fóra impón. Houbo algún comentario: «Para que te metes niso...». Pero agora non o cambiaría por ningún traballo.
—Din que traballar no percebe engancha.
—Completamente. Vas todos os días traballar con ganas. Non hai ningunha xornada de traballo igual á anterior. Vicia, é difícil de explicar pero é así (ri). Nunca sabes a que te enfrontas, nin canto vas vender... Para min é unha profesión pero tamén unha paixón.
—Di que aprendeu dos veteranos. Cales son os mandamentos do percebeiro?
—Estar moi alerta, non dar as costas ao mar, ter a cabeza fría para saber onde podes chegar e onde non, por norma xeral non ir só...
—Vostedes traballan pendentes das cotizacións, como se foran corredores de bolsa.
—Si, iso marca o noso traballo: miramos o mercado, se hai demasiada demanda, porque hai que saber xogar con iso... Se vas con bo tempo sabes que te enfrontas a moita cantidade de percebe, e polo tanto seguramente con prezos baixos. O Nadal, por exemplo, é obrigatorio, a cotización aumenta tanto que hai que ir, case estea como estea o mar.
—Ata que punto un evita ou non correr riscos excesivos na tempada alta, cando un pode sacar máis beneficio?
—É inevitable que teñas ese debate interno, se o produto se paga ben a mente fai coma se o mar non estivese tan mal (ri). No Nadal xúntanse ambas cousas: o mal estado do mar e os prezos altos. E canto peor estea o tempo, máis se cotiza o percebe... Daquela estás case obrigado a ir, aínda que non asumes máis riscos dos que podes asumir. Por sorte, A Mariña é unha zona turística e no mes de agosto a demanda axuda a aliviar a dependencia do Nadal.
—Como interpretan o mar, cando traballar e cando non?
—Vas gañando experiencia sobre as zonas máis complicadas. Tamén estamos constantemente mirando as páxinas e os coeficientes, aí valoramos e mesmo anulamos onde traballar. É o primeiro da xornada.
—Levou algún susto?
—Si, sempre hai. Cando levas un susto é doado que cho noten, cámbiache o corpo un pouco.
—Neses casos, pensa en abandonar?
—O primeiro no que pensas é en como volver para a casa, non che dá para pensar moito máis (ri). Todo o mundo ten a súa balanza, ninguén arrisca máis do que pode, pero tamén é certo que o mar é imprevisible. Esta zona quizais é máis asequible ca outras.
—Que lle diría a quen pensa que o percebe é demasiado caro?
—Que cando queira veña comigo collelo, e despois falamos (ri). Cada vez a xente é máis consciente, esa frase escóitase agora menos.
«O furtivismo profesionalízase: saben as zonas e as leis, usan botellas de osíxeno ou visión nocturna...»
Marcos é parte da organización da Festa do Percebe de Rinlo, que se celebrará o vindeiro 5 de agosto. Trátase dunha exaltación gastronómica que mestura un produto exquisito e unha localización de fábula, no fermoso pobo mariñeiro ribadense. A celebración, que reúne cada verán a milleiros de persoas, amosa o froito do traballo dunha confraría paritaria, con oito percebeiros e oito percebeiras. Traballadores que ven con impotencia o impacto do furtivismo, que tira abaixo os prezos pero sobre todo esquilma un recurso limitado.
—Notan moito as capturas non autorizadas?
—Cada vez padecemos máis o furtivismo. Este último ano houbo moitísimo. As autoridades vixían, nós tamén, pero é difícil. É unha práctica que se está a profesionalizar: a xente que vén sabe perfectamente as zonas, como son as leis para se os collen, que non lles pase nada... Algúns mesmo utilizan visión nocturna e botellas de osíxeno, cando nós non podemos faenar máis aló das seis da tarde. As forzas da orde teñen poucos efectivos e hai moitos quilómetros de costa... Sábenas todas.
—Como lles afecta?
—Eles aproveitan cando o mar está ben e collen percebe de calidade que podería venderse a moito maior prezo en datas sinaladas. E os buzos, aos que lle chamamos as ras, ao dispoñer de botellas de osíxeno collen un percebe de abaixo que non ten tanto valor no mercado, pero é a cría, as «piñas nais». Non sei se o fan por avaricia buscando o diñeiro fácil ou por descoñecemento, penso que hai de todo. E daquela acaban co recurso. Fan ás veces auténticas animaladas.