Xabier Buxeiro: «O 75 % dos asasinados polo franquismo no norte de Lugo eran de Ribadeo, Viveiro e A Pontenova»

RIBADEO

Xabier Buxeiro
Xabier Buxeiro CEDIDA

O historiador ribadense presentou unha tese cum laude sobre o golpe de Estado

28 oct 2023 . Actualizado a las 10:28 h.

O historiador mariñao Xabier Buxeiro Alonso (Ribadeo, 1990) vén de presentar a tese «Golpe, Guerra e violencia na Galiza de 1936. Un estudo desde o norte da provincia de Lugo». Nela acada unha visión de conxunto sobre todo o proceso da sublevación franquista nos partidos xudiciais de Ribadeo, Mondoñedo, Viveiro e Vilalba: analiza como chegou o franquismo ao poder, cantos asasinatos hai documentados e quenes foron as vítimas, e como respondeu a sociedade ante a rebelión. A investigación mereceu un sobresaínte «cum laude».

—Por que decidiu optar por esta visión global?

—Nos traballos tradicionais sobre o golpe de Estado e a Guerra Civil, o enfoque baseouse na análise das vítimas. Nos últimos dez anos, investigadores galegos decidimos abordar o que foron o resto de actores, tanto quenes perpetraron esa violencia como os que tentaron manter a orde democrática. É interesante porque a Guerra Civil foi unha novidade no Estado español contemporáneo, nunca pasara nada semellante e a xente non tiña os mecanismos para reaccionar.

—Hai quen di que a Guerra Civil era inevitable.

—Non é así. Hai un discurso, que penso que a tese rebate, que afirma que as dinámicas políticas que había na II República condicionan a violencia posterior. Esa premisa non é certa, posto que na totalidade dos concellos estudados existían dinámicas asociativas, mesmo de tipo político, e non determinaron que houbese máis ou menos asasinatos. Tampouco os resultados electorais, porque en Ribadeo, por exemplo, gañara a dereita e neste concello houbo moitas vítimas mortais.

—Analizou 24 concellos, con 104 vítimas mortais.

—Esta cuestión está ben estudada polo proxecto Nomes e Voces. Neste caso, houbo unha concentración de vítimas mortais en tres municipios, o 75 % do total: A Pontenova (daquela Vilaoudrid e Vilameá), Viveiro e Ribadeo.

Houbo un asasinato en Burela e O Valadouro; dous en Cospeito, Guitiriz, Muras, Ourol e Vilalba; tres na Pastoriza e O Vicedo; catro en Cervo e Mondoñedo; 14 na Pontenova, en Viveiro 31 e 33 en Ribadeo.

—Por que esas diferenzas?

—Analizando a acción militar dos golpistas enténdese que foi a formación de grupos de resistencia a esa sublevación a que determinou a violencia posterior: a xustificación das condenas de morte xiraba arredor da pertenza a eses movementos de defensa da orde democrática.

—Cantas desas persoas foron represaliadas con sentenza xudicial e cantas sen ela?

—Habitualmente, a proporción en Galicia é que dous terzos dos asasinatos foron sen sentenza e un terzo deles con ela. Aquí esta premisa cúmprese, con matices.

—Cal era o perfil das vítimas?

—Eran persoas que ostentaban poder e non o entregaron, senón que tentaron defender a II República. A maioría das mortes foron entre o 20 e o 23 de xullo. Había xente de ideoloxía socialista ou comunista, pero tamén pertencentes a partidos da dereita democrática. Tamén se executou a integrantes do corpo de carabineiros, membros dos corpos e forzas de seguridade do Estado naquela época. Non había unha posición social predominante, pois mataron profesionais liberais, emprendedores... O golpe de Estado inaugurou unha lóxica de a quen había que perseguir e a quen non, que se adaptaba á necesidade de acadar o poder e mantelo.

—Fai fincapé en que a violencia foi controlada e sistemática.

—Os asasinatos cumpríronse unha vez as autoridades golpistas estaban asentadas no poder. Non se trataba de combates ou dunha fronte de guerra, senón dunha persecución. Pretendíase eliminar as bases do sistema democrático, que se estaban formando desde o século XIX. Non había grupos de civís armados que actuasen de forma independente das autoridades militares, eran estas as que controlaban a quen se mataba e como.

—Como xustificaba o franquismo a morte de quenes non tiñan sentenza en contra?

—A maioría dos «paseados» en Ribadeo, por exemplo, estiveron detidos no depósito municipal e foron retirados da prisión o día antes da súa morte. Iso fala dese control sobre as situacións. Matábanos con frecuencia en traslados, lonxe dos seus lugares de residencia, alegando que a vítima tentou escapar ou se rebelou...

—Como reaccionou a sociedade do norte da provincia ao golpe de Estado?

—Na tese fago unha aproximación ás actitudes sociais da veciñanza perante o golpe. Decretouse o Estado de guerra dun xeito ilegal e xulgouse por rebelión militar a quen se quedou do lado da lei. Abríronse unha serie de xuízos militares. Analicei un total de 176, con arredor de 800 persoas que emitiron testemuños, sexan acusatorios, neutrais ou exculpatorios, moitos deles forzados. Iso, falando dunha poboación duns 150.000 habitantes, é moi pouco. Normalmente, quen acusaba pertencía ao grupo de poder franquista. Precisamente, os «paseos» convivían cos asasinatos sen sentenza, e ocorrían porque os golpistas non eran capaces de «montar o caso» contra as vítimas. O franquismo non conseguiu socializar a violencia.